O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello mantén o servizo de atención temperá

| compartir:

O Concello acordou dar continuidade durante o ano 2019 ao proxecto piloto para a creación dun servizo de atención temperá en Teo iniciado o pasado mes de setembro. Esta acción contou en 2018 con financiamento procedente do Fondo Social Europeo, que agardamos se poida manter para o ano próximo.

Dende o departamento de Benestar, dirixido por Ignacio Iglesias, valórase "a necesidade de continuar afondando no coñecemento real da demanda deste tipo de atencións en Teo, así como afianzar a prestación de atención ás familias que xa están incorporadas a un servizo que entendemos é moi importante para elas".

O equipo profesional do servizo de atención temperá, conformado por unha psicóloga, unha logopeda e unha terapeuta ocupacional, presta atención ao público os luns e martes en horario de tarde (15:30 a 20:30) e os venres de mañá e tarde (9:00-14:00 e de 15:30 a 20:30) nos Tilos.

As persoas que precisen usar o servizo, que se coordina dende o Departamento municipal de Benestar, deben contactar previamente cos seguintes teléfonos: 981.809.707 ou 604.007.521 ou enviar un correo electrónico a atenciontempera@teo.gal.

En que consiste a atención temperá?

Considérase como tal o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo darlles resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

Os trastornos do desenvolvemento teñen dúas causas principais: as alteración das estruturas ou funcións corporais e as restricións na participación social, cando estas causan unha desviación no desenvolvemento das capacidades. Así mesmo, considérase que poden atoparse en risco de padecer un trastorno deste tipo quen presenta unha descompensación negativa ante circunstancias vulnerables propias das distintas etapas evolutivas.

A prestación de atención por parte dun equipo interdisciplinar resulta clave para unha correcta valoración do caso e o posterior desenvolvementos dun plan de traballo que permita mellorar as distintas áreas que son obxecto de intervención. Baixo esta perspectiva préstanse terapias para a mellora do desenvolvemento psicomotor e cognitivo; da linguaxe e comunicación, da autonomía, da área social e afectiva, e tamén se proporciona apoio, información e formación ás familias.

Para o desenvolvemento deste programa, nesta ocasión, cóntase co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Fondo Social Europeo, o FSE inviste no teu futuro

Os gastos asociados á contratación para o desenvolvemento do servizo de atención temperá no concello de Teo, contan con financiamento do FSE no marco do obxectivo temático “Promover a igualdade, a saúde e a inclusión social.

fondo social

atención temperá