O Concello celebra o acto de homenaxe a Ánxel Casal

16-08-2019
anxel casal

O Concello celebra o luns 19 de agosto o acto de homenaxe a Ánxel Casal, cando se cumpren 83 anos do seu asasinato coindidindo coas primeiras semanas do levantamento militar do ano 36. Esta homenaxe pública contará coa presenza institucional dos Concellos de Santiago e Arzúa. 

Dende as 20:00 horas na Estivada da Ribeira, en Cacheiras, a concelleira de Cultura, Maite Argibay, conducirá un acto no que se quere honrar a memoria do último alcalde republicano de Compostela ademais de lembrar a todas as vítimas represalidadas no 36.  

Ademais da alcaldesa accidental de Santiago, Mercedes Rosón, e a concelleira de Cultura de Arzúa, Aurora Varela, no acto intervirán o portavoz do BNG de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz e Xosé Luís Santos Cabanas, secretario da asociación A Oliveira de Teo, adicada á recuperación da memoria histórica. Pechará as intervencións o alcalde de Teo, Rafael Sisto. 

Preto das 20:30 pecharase cunha peza musical para realizar a continuación a ofrenda floral ante o monólito que lembra a figura de Casal no lugar no que apareceu o seu corpo en agosto de 1936. 

Ánxel Casal (A Coruña, 1895-Cacheiras, 1936) destacou polo seu labor como editor e político. O que é o último alcalde republicano da cidade de Santiago militou no Partido Galeguista desde a súa creación. Tras o triunfo do golpe de estado do 18 de xullo de 1936, Casal foi detido e paseado o 19 de agosto. O seu corpo apareceu a carón da estrada en Cacheiras, onde agora se erixe o monólito na súa memoria.  

Cabodano de Avelino Pousa Antelo 

Por outra parte, o vindeiro martes 20 de agosto, conmemórase o sétimo cabodano do pasamento de Avelino Pousa Antelo, intelectual galeguista de primeiro nivel e fillo adoptivo do Concello de Teo. Ás 12:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello entregarase o ‘Caxato de Avelino’ á Fundación Penzol. Despois da entrega deste premio, a partir das 13:00 horas desenvolverase a homenaxe a Pousa Antelo no paseo que leva o seu nome na urbanización dos Verxeis, en Oza. A xornada rematará cun xantar.