O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

En setembro, xuntanzas para estudar novas rutas do TeoBús

| compartir:

O Concello convoca este mes de setembro catro xuntanzas coa veciñanza do sur e o leste do municipio para estudar unha proposta de novas rutas do TeoBús. Os encontros recollerán as necesidades de cada zona para o servizo municipal de mobilidade, tanto en frecuencias como en lugares de paso.

A primeira reunión será o 5 de setembro na Casa Común de Teo para as parroquias de Bamonde, Teo e Vilariño. Seguirán as xuntanzas na Casa Común de Reis o día 12, na Casa Común de Lampai o día 19 e na Casa Común de Rarís o 26. Todas están previstas para as 20.00 horas.

Por que agora?

A área municipal de Mobilidade explica que este é o momento de reformular e ampliar o servizo do TeoBús ás zonas que carecen del porque a Xunta ten en exposición pública os anteproxectos de explotación das liñas de transporte público. Se non se modifican no prazo de alegacións van supoñer unha mellora das comunicacións en Teo porque recolleron as demandas efectuadas en conxunto cos Concellos de Ames, A Estrada, Padrón e Vedra.

O primeiro contrato-programa acadado coa Xunta só permitira unha das rutas circulares propostas, a existente na actualidade entre os corredores das estradas AC-841 e N-550, deixando as zonas sur e leste sen o servizo.

A chegada do TeoBús a novas zonas facilitará que a poboación poida acudir a puntos de interese como a Casa do Concello, os centros de saúde, os xulgados ou a piscina municipal, ademais de conectar co propio transporte metropolitano.

Alegacións aos proxectos de explotación do transporte

Por outra banda o Concello ten remitido á Dirección Xeral de Mobilidade alegacións aos proxectos de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros, concretamente aos proxectos XG804/ XG807/XG817/XG847 e XG860 que afectan ao termo municipal de Teo. A concelleira de Mobilidade, Iria Otero, explica que "os proxectos en exposición pública recollen melloras importantes para a mobilidade do Concello e agardamos que finalmente se poidan concretar sen que este prazo de exposición pública poida servir para que se realicen recortes sobre as coberturas presentadas". 

O Concello de Teo tiña feito un importante traballo previo en colaboración cos concellos limítrofes e tiña trasladado á Xunta as necesidades de mellora en cada unha das zonas. Os anteproxectos presentados na Xunta no seu momento pódense consultar aquí. Algunhas das demandas como a liña cirdular Ames-Teo-Santiago é unha das que se recollen nos anteproxectos presentados pola Xunta. 

A pesares desto si se presentaron alegacións a varios dos proxectos xa que se poden implementar melloras ou corrixir erros. Destacan as da Ruta XG-80734 IES Cacheiras-Rúa do Carballo-Tilos e a XG-80720 CEIP Os tilos-Che, dúas liñas escolares que aparecen como integradas. Esto quere dicir que se hai vacantes as pode utilizar calquera usuario de transporte público. Dende o departamento de Mobilidade municipal alégase que se trata de liñas nas que non se xustifica a integración, por ter servizos alternativos na mesma ruta e por tratarse de zonas con alta densidade de poboación escolar con alta demanda. Esto pode provocar que a oferta de prazas vacantes fluctúe moito e o servizo ao usuario non escolar non se manteña. "Chama a atención especialmente o tema do IES no que esta liña integrada pode provocar un problema ao estudantado de bacherelato que neste momento fai uso de transporte escolar gratuíto e agardemos que esta idea da Xunta non acabe derivando nun problema para este alumnado" destaca Iria Otero. 

 

 

TeoBus