O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Constituído o Consello Asesor do Parque Compostela Rupestre, que estrea imaxe corporativa

| compartir:

Esta mañá quedou constituído o Consello Asesor do Parque Compostela Rupestre, nunha reunión celebrada no Pazo de Raxoi na que estiveron representados os cinco concellos que participan do proxecto (Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra) e máis a Deputación da Coruña. Na xuntanza tamén se presentou a nova imaxe corporativa do parque.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, presidiu a reunión do Consello Directivo do Parque Compostela Rupestre, que acordou a designación do Consello Asesor do que formarán parte a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, un arquitecto da Deputación da Coruña, a arqueóloga do Concello de Santiago, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, a Universidade de Santiago, a través do seu departamento de Arqueoloxía; o colectivo A Rula, e os investigadores Raquel Casal e Manuel Santos Estévez.

Jorge Duarte explicou que coa xuntanza de hoxe "bota a andar o traballo deste comité científico para definir os pasos a dar polo Parque Compostela Rupestre, o máis urxente a licitación do Plan Director do parque". Ademais, o Consello Asesor constituído hoxe deberá asesorar sobre "como facer visitables e recoñecibles pola cidadanía os petróglifos máis importantes localizados nos cinco concellos, identificando cales son os mellores roteiros para facer un labor de divulgación entre a veciñanza". Duarte explicou que o obxectivo é que "estes primeiros proxectos estean en marcha ao longo do ano 2019".

Na reunión de hoxe tamén se presentou o novo logo do Parque Compostela Rupestre, que se inspira na imaxe asociada aos petróglifos e na representación gráfica máis característica da arte rupestre galaica: as combinacións circulares e os aneis concéntricos.

O proxecto Parque Compostela Rupestre está impulsado polos concellos de Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra, e será financiado pola Deputación da Coruña cunha achega de medio millón de euros.

Consello asesor Compostela Rupestre