Comeza o reparto de atraente para trampear a nespra asiática

05-03-2019
velutina

O Concello de Teo inicia de novo o reparto de doses de líquido atraente contra a nespra velutina. Desde o 6 de marzo e ata o mes de maio todas as persoas interesadas poden obtelo na nave do servizo de Protección Civil. Os seus responsables entregarano de balde todos os mércores de 17:00 a 19:00 horas e todos os sábados entre as 10:00 e as 12:00 horas. É importante lembrar que se debe levar un recipiente de plástico dun mínimo de 300 mililitros de capacidade.


As raíñas fundadoras desta especie invasora saen durante estas semanas da fase de hibernación na que estiveron durante o inverno. É por tanto unha tempada crucial para instalar as trampas, posto que por cada exemplar que se capture impedirase a posterior formación de niños primarios e secundarios.

Colaboración

Coa distribución gratuíta de doses de atraentes, o Concello pretende facilitar que a poboación colabore tamén durante este ano na construción de trampas por todo o territorio. O material entrégase unicamente a persoas censadas no municipio.
O ciclo biolóxico da especie, que pode variar lixeiramente segundo a climatoloxía do ano, fai que durante marzo e abril as raíñas fundadoras de nespra velutina vaian espertando. A partir de maio constrúen os niños primarios. Por iso é o tempo axeitado para o trampeo. Xa durante os meses do verán a velutina dedícase á caza de presas e medran tamén os niños secundarios. Nesas semanas, por tanto, a loita contra a especie debe centrarse na destrución dos niños. Coa chegada do outono o indicado é un novo trampeo, ao entrar na fase de reprodución, previa á morte das raíñas nais, as obreiras e os machos.


O Concello de Teo lembra que para avisar da presenza de niños de nespra velutina cómpre chamar ao teléfono 012.

Trampas

Para facer a trampa hai que poñer a dose de líquido atraente nun recipiente con buratos e botarlle ao redor de medio litro de auga. Cada tres ou catro días hai que retirar os insectos que caeron na trampa. No caso das velutinas hai que matalas por aplastamento xa que poden estar vivas e volver a voar unha vez secas. O atraente hai que renovalo cada dúas semanas, xa que pasado ese tempo deixa de ser efectivo.

As trampas deben poñerse en árbores en flor. Mellor en camelios, citrinos, laranxeiros, limoeiros e claudieiras. Hai que ter coidado co vento, xa que as pode emvorcar. Se están ao sol é posible que a auga se evapore, polo que habería que repoñela. A eficacia destas trampas é máxima entre os meses de marzo e abril, xa que caza as novas raíñas.

Os niños de raíña son os primeiros que fan ao espertar do inverno. Están preto de contrucións humanas e resulta moi importante desfacerse deles coa raíña dentro ou construirá outro a poucos metros. De noite está dentro. Pódese poñer un recipiente debaixo e unha vez desprendido tapalo para que non escape. Se o metemos no conxelador morre.

Arquivos