O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A Xunta admite parte das alegacións do Concello á delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural proposta

| compartir:

A Axencia Galega de Infraestruturas publica no DOG do 2 de xullo o anuncio de aprobación definitiva da delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural en Teo. Consulta aquí o anuncio. A resolución vén a recoñecer parte das alegacións presentadas polo Concello de Teo no seu momento á proposta de delimitación que presentou a Xunta.

Lembremos que os núcleos afectados por esta nova delimitación imposta pola Xunta de Galicia en Teo son: Cobas (AC-537); Penelas e Tras do Eixo (AG-58 e AG-59); A Devesa, A Torre, Castres, O Piro, Chaves e Lucí (AG-59), A Florida, Chao do Río e A Igrexa de Reis (AC-841 e AC-242); Valiñas (AC-242); e Vilar de Teo, Xermeade, Fontelo e Vilachaíño (AC-241).

Segundo explica a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, "esta delimitación de estradas autonómicas que afecta á situación urbanística de varios núcleos en Teo, foi aprobada inicialmente en novembro de 2017, e supón modificar o planeamento que afecta a estas parcelas, ao cambiar as aliñacións de edificacións e peche das parcelas".

Este estudo foi obxecto dun profundo rexeitamento por parte de Concello, que presentou alegacións ao documento, parcialmente aceptadas no caso, como na rectificación das aliñacións previstas no PXOM para os núcleos da Torre e Castres, nas zonas dos falsos túneles, ou a anulación dos recuamentos mínimos de edificación incluídos no estudo e sinalados en estradas de titularidade municipal nos núcleos da Florida, Chao do Río, A Igrexa de Reis e San Xosé, indica a concelleira de Urbanismo.

No caso dos particulares que presentaron alegacións recibirán a resposta da Xunta á súa reclamación nestes días. Igual que se fixo no momento da exposición, o Concello, na Oficina de Urbanismo, en horario de 9 a 14 horas, prestará un servizo de asesoramento neste tema.

Dende a oficina de Urbanismo estase valorando dende un punto de vista técnico e xurídico as medidas a tomar ante a aprobación definitiva deste documento. A consecuencia máis grave desta delimitación é que os novos límites sinalados nos planos deste estudo autonómico suporán que algunhas edificacións legalmente construídas en base ao PXOM pasen a estar nunha situación de fóra de ordenación.


 

autovia