Teo será unha das sedes do Festival de narración oral Atlántica

22-02-2018
presentación de Atlántica

Do 13 ao 18 de marzo, volverá a celebrarse o Festival Atlántica de narración oral co que colabora o Concello de Teo. A programación da sexta edición do certame presentouse en Santiago nunha rolda de prensa na que participou a concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil, a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra, Lara Rodríguez, concelleira de Cultura de Lalín, Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén, e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.

A sexta edición de Atlántica reúne a artistas da fala galegos con voces de Brasil, Portugal, e Camerún contadores e contadoras de Zamora, Madrid, Tenerife, Úbeda e Salamanca. Entre as narradoras e narradores do país que participan na sexta edición, están figuras ben coñecidas polo público como Quico Cadaval, Paula Carballeira, Avelino González e Cándido Pazó, e outras que non tardarán en coñecerse, como as Felipe Díaz, María da Pondragha, Lois Pérez, Charo Pita, Vero Rilo, Gema Santos ou Fátima Villamel.

Dentro da programación do festival en Teo teremos o mércores 14 no IES de Cacheiras a actuación da cantadora brasileira Tamara Bezerra co seu espectáculo "Mulheres que ensaboam palavras". O sábado 17 ás 18:00 horas na Casa Común dos Tilos teremos a Laura Escuela de Tenerife co seu espectáculo "Animaladas".


En 2018, o Festival desenvolverase en oito sedes. Ademais de en Teo, Atlántica estará en Santiago, na Coruña, Ferrol, Lalín, Ourense, Pazos de Borbén e Vigo.

Que é Atlántica?


Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, nace en 2013 con sede en Santiago de Compostela e cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. O principal obxectivo do festival é indagar nas raíces comúns das historias do Océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.