O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo recunca no Festival Atlántica 2018 e acolle dous espectáculos

| compartir:

Grazas á renovación da colaboración entre o Concello de Teo e o Festival Atlántica, a vila repite este ano como sede do encontro internacional de narración oral. Xa que logo, o público de Teo terá a oportunidade de gozar coas historias das artistas Tâmara Bezerra e Laura Escuela de xeito gratuíto.

A primeira das funcións estará dirixida en exclusiva para o alumnado do IES Cacheiras e será o mércores 14 de marzo. Ese día, a brasileira Tâmara Bezerra convidará os estudantes á sesión de historias ‘Mulleres que enxaboan palabras’. Trátase dunha colección de contos recollidos á beira de ríos no deserto brasileiro e que as lavandeiras de roupa compartiron xenerosamente coa propia Bezerra.

A segunda das funcións, aberta ao publico en xeral, titúlase ‘Animaladas’ e desenvolverase co acento canario de Laura Escuela. A tinerfeña será quen de entreter a grandes e pequenos nesta sesión que terá lugar o sábado 17 de marzo, a partir das 18 horas, na Axencia de Lectura Municipal Os Tilos. Alí daranse cita contos e historias protagonizados por animais para divertir a toda a familia.

Sobre as narradoras

A narradora e escritora Tâmara Bezerra é graduada social especializada en Arte-Educación. Posúe un mestrado en Educación Intercultural pola Universidade de Lisboa, con investigación en contos da tradición do deserto brasileiro. Ten unha ampla traxectoria nas narrativas literarias dentro e fóra do Brasil, cunha forte influencia da poética da tradición oral. Tamén desenvolve habitualmente unha intensa actividade como buscadora de contos populares e como formadora de narradores e mediadores de lectura. No eido literario, alén de títulos infantís, ten publicacións sobre narración de historias e mediación de lectura. É, ademais, membro do ‘Grupo de Estudos, Pesquisas e Partilhas com narrativas: Costureiras de Histórias’ de Fortaleza, Brasil.

Laura Escuela é mestra en Educación Infantil, licenciada en Psicopedagoxía e conta, a maiores, cun Mestrado en Promoción e Animación Lectoras. Traballa desde hai máis de dez anos arredor do mundo da literatura infantil, a música e a discapacidade. Dedícase á narración oral desde o 2008 e cómpre salientar que nos últimos anos ten levado a cabo proxectos pioneiros de sesións de bebecontos en bibliotecas de Canarias. (+ info: www.lauraescuela.com)

Axenda Festival Atlántica 2018 | Teo

Mércores 14 de marzo Tâmara Bezerra (Brasil) “Mulleres que enxaboan palabras” 11:30 h | IES Cacheiras Alumnado do centro | Brasileiro

Sábado 17 de marzo Laura Escuela (Tenerife) “Animaladas” 18 h | Axencia de Lectura Municipal Os Tilos [rúa Buxo, 4; Os Tilos] Entrada libre ata completar o aforo | Todos os públicos (a partir dos 3 anos) | Castelán

festival atlántica