O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo participa no proxecto Enreguéifate para fomentar o uso do galego

| compartir:

O Concello de Teo únese ao proxecto Enreguéifate, que puxo en marcha Santiago o ano pasado, para difundir a improvisación en verso e en galego. Esta idea para achegar o idioma á mocidade tamén estrea web www.enreguéifate.gal

A concelleira de Cultura, Pilar Faxil, estivo na presentación en Santiago co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Ames, Isabel Vaquero, de Carballo, Marcos Trigo e con Manolo Maseda, un dos impulsores do festival Regueifesta. O alcalde compostelán incidiu en que o programa Enreguéifate "ten o obxectivo último de promocionar o uso da lingua galega sobre todo entre os máis novos e novas, porque somos conscientes do enorme potencial da regueifa como ferramenta para animar aos mozos e mozas a se expresaren na nosa lingua". Martiño Noriega tamén apuntou que "este elemento do patrimonio inmaterial galego está a vivir unha segunda vida da man de persoas como Alba María ou o propio Manolo Maseda, e queremos aproveitar esa tendencia".

Enreguéifate mantén as dúas actividades xa desenvolvidas o ano pasado: o certame de regueifas en video, que será convocado nas próximas semanas, e o festival Regueifesta que se celebrará o dous de maio no Auditorio de Galicia. A esas suma dúas accións novas: unha xornada de formación para docentes que terá lugar en Carballo e xornadas de formación para o alumnado en cada un dos catro concellos participantes.

Formación
O proxecto Enreguéifate incorpora unha xornada formativa para o profesorado, co obxectivo de fomentar e aproveitar o potencial das regueifas como ferramenta educativa. Esta actividade estará organizada polo Concello de Carballo. O seu concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo, explicou que a xornada "pretende contribuír á actualización da nosa tradición, a darlle unha funcionalidade a un elemento do noso patrimonio cultural inmaterial como é a regueifa e actualizala cos valores da igualdade e a xustiza social".

A xornada de formación para o profesorado celebrarase o 17 de febreiro, e o prazo de inscrición remata o día 8 dese mes. O 70 % das prazas están reservadas para profesorado en activo, de centros públicos ou concertados. A matrícula é gratuíta, e tense solicitado á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que a asistencia sexa homologada como actividade de oito horas de formación permanente do profesorado. Como profesores exercerán regueifeiros como Alba María, Manolo Maseda ou Sechu Sende, que ao remate da xornada formativa participarán nunha foliada aberta na taberna O Mexillón de Carballo.

Ademais, o proxecto Enreguéifate inclúe tamén xornadas de formación para o alumnado dos centros de ensino dos catro concellos participantes: Santiago, Ames, Carballo e Teo. Nestes obradoiros, os rapaces e rapazas poderán aprender métodos de improvisación oral e coñecerán tamén a rede de revitalización da regueifa que existe en Galicia entre a xente nova.

Certame Enreguéifate e Regueifesta
Nas próximas semanas será convocada a segunda edición do certame Enreguéifate, seguindo o modelo da primeira edición do ano pasado. A concelleira de Teo Pilar Faxil encargouse de dar os primeiros detalles da convocatoria, na que se poderá participar gravando en en vídeo regueifas duns tres minutos de duración e integramente en galego. Haberá premios en dúas categorías: escolar e xeral. Os galardóns serán simbólicos, e entregaranse no transcurso da Regueifesta, que se celebrará o 2 de maio no Auditorio de Galicia.

O festival constitúe un punto de encontro de escolares de todo o país arredor da improvisación oral en verso. Nel tamén participará alumnado procedente de Euskadi que dende hai varios anos mantén relación co proxecto Regueifesta para establecer unha ligazón entre a regueifa e o bertso, e por primeira vez haberá unha representación de Cataluña. Un dos impulsores do festival é Manolo Maseda, que explicou que despois do éxito do festival do ano pasado "cun Auditorio que quedou pequeno, este ano haberá un dobre pase para acoller á maior cantidade posible de rapaces e rapazas chegados de toda Galicia". Maseda defendeu a utilización da regueifa como recurso didáctico "porque o profesorado temos a obriga de ensinar coa emoción, e a regueifa é unha das mellores vías para logralo, para loitar contra a deixadez coa lingua da nosa rapazada".

Toda a información sobre as actividades vinculadas ao proxecto Enreguéifate pódese atopar na nova web www.enregueifate.gal. Nas próximas semanas, a través desta páxina difundiránse as bases da convocatoria do II certame Enreguéifate. Ademais, nela xa se poden ver os videos gañadores da primeira edición de 2017.
 

Presentación de enregueifate