O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Publícase a oferta de escolas e actividades deportivas e escolas culturais para o curso 2018-19

| compartir:

O Concello de Teo abrirá o prazo de inscrición, entre o 3 e o 14 de setembro, para unha nova tempada das escolas e actividades deportivas e escolas culturais municipais. A preinscrición debe realizarse no Rexistro Xeral do Concello e o criterio para a selección, no caso de haber máis solicitudes ca prazas, será o sorteo , tendo preferencia as persoas empadroadas.

Desde a Concellaría de Deportes ofértanse as Actividades Deportivas para Adultos e as Escolas Deportivas, deseñadas para franxas de idade dos 3 anos en adiante. As escolas deportivas impartiranse, ao igual ca o ano pasado nos pavillóns de Calo, A Ramallosa e Os Tilos, no campo de fútbol de Cacheiras, IES de Cacheiras, Club Family Los Tilos e Club San Francisco. Ademais, a piscina cuberta da Ramallosa inclúe dúas novas actividades. Mentres tanto, as actividades de ximnasia para adultos, que teñen sede nos polideportivos de Calo e Os Tilos e no ximnasio do colexio dos Tilos, tamén se realiza en diferentes casas comúns distribuídas polo concello, co fin de ofrecer unha proximidades destas á cidadanía.

Entre as actividades ofertadas polo Departamento de Deportes, cómpre destacar a inclusión de dúas novas disciplinas deportivas que se impartirán na piscina da Ramallosa: Nada-corre e Heroican Cross jr. As demais actividades para os máis novos manteñen a continuidade: baile, baloncesto, karate, kickboxing, patín, minitenis, psicomotricidade, tiro con arco, ciclismo, rugby e fútbol americano, skate, béisbol, tenis, atletismo, pádel, judo, xadrez, bicitrial, taekwondo e voleibol.

Pola súa banda, as Actividades Deportivas de Adultos están compostas por actividades de ximnasia, móvete con ritmo (actividade física ao son da música), reláxate (actividade física de relaxación), tenis e tiro con arco.

As actividades culturais non varían con respecto á pasada edición, polo tanto, mantense a oferta das actividades de artes plásticas, artes escénicas, guitarra e pre-circo, obradoiro de danza contemporánea e obradoiro de programación.

Estas actividades culturais realízanse en diferentes locais municipais esparexidos polo concello tamén co fin de achegalas a toda a poboación.

As actividades comezan a primeiros do mes de outubro e prolongaranse ata o mes de xuño, momento no que, como todos os anos, se dará clausura a estas escolas con distintas xornadas de exhibicións e exposicións dos traballos realizados durante o curso.

O prazo de preinscrición está establecido entre o 3 e o 14 de setembro e realizarase mediante Rexistro de Entrada no Concello. O 19 de setembro as persoas preinscritas poderán consultar a súa admisión, ben na web municipal, ben nos propios departamentos de Deportes ou de Cultura municipais, así como a data do sorteo, antes de confirmar a matrícula mediante o pagamento da primeira taxa.

Nota: con respecto á información inicial publicada no mes de xuño producíronse dúas modificacións horarias nas actividades deportivas (en patín 1 e 2 nos Tilos e na actividade de béisbol) e nas actividades culturais (no obradoiro de danza), xa actualizadas na información actual.