O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Preséntase un proxecto común para a mellora da mobilidade metropolitana que comunicaría a unha poboación de ao redor de 30.000 veciños dos concellos de Teo e Ames

| compartir:

Esta mañá os alcalde de Teo, Rafael Sisto, e Ames, José Miñones, asinaron un documento no que se recolle un proxecto común de mobilidade metropolitana, co obxectivo de dar traslado do mesmo á Dirección Xeral de Mobilidade, solicitando que sexan incorporadas as modificacións recollidas nel nas condicións da vindeira licitación do servizo referido. Neste documento, no que se valoraron as necesidades de mobilidade da poboación dos concellos de Teo e Ames, preséntase unha proposta consensuada e asinada por ambos alcaldes que recolle as necesarias modificacións do servizo que permitan cubrir a demanda da poboación.

Debido a que no ano 2019 está prevista a licitación de todos os contratos do mapa concesional do Transporte Metropolitano Galego, os Concellos de Teo e Ames chegaron a un acordo para presentar unha proposta de reformulación do servizo que aborde algunhas das melloras necesarias e difíciles de implementar baixo as actuais condicións contractuais, que limitan a creación de novos trazados, frecuencias ou franxas de servizo, baseándose en dereitos de explotación adquiridos nun tempo no que as necesidades de mobilidade eran outras.

Actualmente existe un servizo que ten orixe no concello de Santiago e percorre o leste do concello de Ames e o oeste do concello de Teo prestado por varios operadores. Neste momento, os operadores que prestan servizo na zona son: Hedegasa -operador principal-, Monbus, Hermanos Ferrín e Arriva Noroeste. Algúns destes servizos están concibidos como longa distancia que comunican localidades do sur ou do oeste, como Ribeira, Vigo, Pontevedra, Boiro, etc, co concello de Santiago e que, ao seu paso polos concellos de Ames e Teo, complementan o servizo disposto para estes.

Tanto o concello de Teo coma o de Ames, polo súa proximidade ao concello de Santiago, foron configurando nas inmediacións deste núcleos urbanos que acollen a un crecente número de residentes que, en moitos casos proveñen do propio concello de Santiago, buscan os beneficios destes emprazamentos, pero precisan unha boa comunicación co centro administrativo e comercial de Santiago.

O servizo actual comunica a parte oeste do concello de Teo, na que residen ao redor de 6.000 veciños, co núcleo de Milladoiro, en Ames, no que existe unha concentración censal de ao redor de 15.000 veciños e co centro de Santiago. Ambos os dous concellos contan cunha oferta emerxente de servizos que atrae á poboación dun e outro concello, o que fai necesario dotar a esta área dunha mobilidade transversal, que agora mesmo non está cuberta cun servizo que non chega ao principal núcleo urbano de Teo, e o máis próximo a Santiago.

Proxecto presentado

O proxecto asinado e presentado esta mañá propón a creación dunha liña circular xurdida do actual servizo que nace na rúa da Rosa, en Santiago, e que despois de pasar polo Milladoiro percorre a parroquia de Calo e finaliza o seu servizo en Luou. Nesta proposta este servizo mantén os horarios dos días laborais e trazado actual, incrementando este cunha prolongación do mesmo dende Luou, pasando por Cacheiras e Os Tilos, cara Santiago, reforzando o servizo do corredor AC-841, o máis poboado do concello de Teo e permitindo o tránsito directo entre Milladoiro, Cacheiras, Os Tilos e Santiago, principais concentracións urbanas. A liña, baixo esta configuración, comunicaría a unha poboación de ao redor de 30.000 veciños dos concellos de Ames e Teo (sumando os 9.000 novos veciños beneficiados pola prolongación do trazado), entre si e co centro do concello de Santiago, o que incrementa significativamente o número total de potenciais usuarios.

En canto ao servizo da fin de semana, esta reformulación do servizo, mantén as expedicións xa existentes e incrementa un par de servizos de ida e volta pola mañá, franxa horaria que actualmente non conta con oferta. Este servizo de disposición circular, contaría con dous sentidos de circulación, un con saídas no sentido Intermodal – Teo – Ames – Intermodal e outro no sentido Intermodal- Ames – Teo – Intermodal. Por outra banda, e en relación ao resto dos servizos, sería necesario manter a súa actual oferta, contemplando as melloras que os propios operadores podan aportar ao servizo na inminente licitación.

A concelleira de mobilidade de Teo, Conchi García, destaca que "é o momento de facer este traballo e presionar para que na Xunta se atendan as necesidades do servizo de transporte metropolitano".

O alcalde de Ames, José Miñones, dixo respecto ao acordo subscrito esta mañá co Concello de Teo "esperamos ter o visto bo da Xunta de Galicia e tamén que se atendan as outras moitas demandas que trasladamos sobre o transporte metropolitano".

 

Sinatura