O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O pleno votará o regulamento do Consello local da infancia e adolescencia

| compartir:

A corporación teense reúnese este mércores 31 de xaneiro nunha sesión ordinaria. O debate plenario terá lugar en horario de tarde, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, na Ramallosa, co fin de facilitar a asistencia das persoas interesadas. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal.

Un dos puntos destacados desta sesión é a proposta de regulamento do Consello local da infancia e adolescencia en Teo. Esta é unha das iniciativas que se están realizando para que o Concello forme parte do programa internacional Cidades Amigas da Infancia, liderado por Unicef. Este recoñecemento visibilizará as actuacións políticas que o Concello está a desenvolver en materia de infancia e mocidade, en especial as que teñen que ver co cumprimento dos dereitos da infancia recollidos pola Convención aprobada pola ONU no 1989. 

A aprobación co CLIA no pleno permitirá que este Consello da infancia e adolescencia se reúna durante o mes de febreiro para avaliar unha serie de propostas e demandas que parten dos menores de Teo. Precisamente a semana pasada celebrouse xa a primeira sesión do Foro de Participación infantil e da adolescencia de Teo formado só por menores. Participaron nesta sesión 22 nenos e nenas dos centros escolares teenses que puxeron en común as demandas elaboradas nas aulas e estableceron as peticións prioritarias que se debaterán no CLIA. A rapazada pide, entre outras cousas, maior iluminación nalgunhas zonas, un carril-bici, máis beirarrúas ou controlar a velocidade nas estradas.

No CLIA, ademais dos/as nenos/as e mozos/as, terán representación os grupos políticos, así como as anpas ou o movemento asociativo.

Orde do día do pleno:

  1. Dar conta das resolucións da alcaldía (da 1074/17 á 96/18)
  2. Dar conta do cumprimento do artigo 104 BIS da lei 7/1985, do 2 de abril, en relación co persoal eventual
  3. Dar conta do informe de cumprimento dos prazos de pago das operacións comerciais, 4º trimestre de 2017.
  4. Ditame da proposta da alcaldía de aprobación incial do regulamento do Consello local da infancia e adolescencia no Concello de Teo.
  5. Ditame da moción conxunta dos grupos municipais SondeTeo-Anova e PSdeG-PSOE de adhesión á plataforma Stop Velutina Galicia.
  6. Ditame da moción conxunta dos grupos municipais SondeTeo-Anova e PSdeG-PSOE sobre as deficiencias dos centros educativos no Concello.
  7. Mocións
  8. Rogos e preguntas.
Imaxe da reunión do foro de participación infantil e da adolescencia