O pleno do Concello votará as obras do POS+2019

17-12-2018
casa do Concello

A corporación teense reúnese este martes 18 de decembro na sesión ordinaria de decembro. O debate plenario terá lugar en horario de tarde, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, na Ramallosa, co fin de facilitar a asistencia das persoas interesadas. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal.

Un dos puntos centrais será a proposta de obras incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de Concellos) POS+2019. Entre as obras previstas destacan os asfaltados en Luou, Cacheiras, Teo, Lucí ou Oza. Tamén se recolle actuacións que melloran a seguridade viaria coma a senda entre San Domingos e o centro de saúde de Folgueiras (Calo). Outros investimentos previstos atenden a mellora do Centro Social de Reis, a climatización do Auditorio Municipal Constante Liste ou unha área recreativa na Horta do cura, no entorno da igrexa de Luou.

A orde do día ten os seguintes puntos:

  1. Dar conta das resolucións da alcaldía (da 986/18 á 1040/18)
  2. Dar conta do cumprimento do artigo 104 bis da lei 7/1985, do 2 de abril, en relación ao persoal eventual.
  3. Ditame da proposta da alcaldía de declaración de utilidade municipal as actividades desenvolvidas pola agrupación veciñal camposanto de Luou.
  4. Ditame da proposta da alcaldía de declaración de utilidade municipal as actividades desenvolvidas pola AC Rosalía de Castro.
  5. Ditame da proposta da alcaldía de inicio do procedemento de adxudicación do contrato para a prestación do servizo de axuda no fogar do Concello de Teo.
  6. Ditame da proposta da alcaldía de aprobación do plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de Concellos) POS+2019
  7. Ditame da proposta da alcaldía para adhesión do Concello á Asociación de entidades locais pola lingua galega.
  8. Proposición da alcaldía sobre aprobación inicial da ordenanza para a promoción do respecto ás liberdades sexuais das persoas.
  9. Mocións.
  10. Rogos e preguntas.