O Festeo acolle o I encontro de cultura tradicional de Teo e pecha co concerto de SES

07-06-2018
encontro

O Festeo e a Feira da Terra, que se celebra este domingo 10 de xuño na carballeira de Francos, será unha xornada festiva na que a música terá un importante protagonismo. Pero haberá moito máis, actividades para os cativos e cativas con diversos obradoiros, iniciación a roteiros; teremos postos de artesanía e alimentación, mostras deportivas, teatro... Hai que destacar que este amplísimo programa de lecer é de balde. 

Unha das novidades deste ano é a celebración do I encontro de cultura tradicional no que participan a SR de Calo, a Regionalista, a AC a Pontevella, a Mámoa e a AC Rosalía de Castro. A mostra de música e baile tradicional coas asociacións teense comezará ás 18:00 horas.

O Concello de Teo é un territorio cunha ampla tradición de asociacións e agrupacións do ámbito da cultura tradicional . A fortaleza do tecido asociativo teense, demóstrase especialmente neste campo, contando cunha actividade que destaca en toda a comarca. O I Encontro de Cultura Tradicional de Teo quere ser un escaparate do seu traballo e un punto de partida para o futuro.

Cada unha destas entidades ten a súa personalidade propia, pero tamén teñen un común denominador que é o esforzo por recuperar e manter vivo o baile e a música tradicional galega, convertíndoa nunha actividade con presente e moito futuro xa que lle dan vida en cada actuación.

A programación do Festeo comeza á partir das 12:00 horas coa actuación do grupo de guitarra da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos. Despois, ás 12:30 horas, intervirán Chévere, Aspamite e a Banda Cultural de Teo. Ás 13:15 horas, ofrecerase unha mostra de break dance e ás 13:30 horas será o momento de ver o grupo Batuko Tabanka, de folclore de Cabo Verde.

As mulleres que forman Batuko Tabanka están afincadas na Mariña lucense e a través dos seus temas falan de emigración, identidade ou da situación da muller. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións.

Xa pola tarde, ás 16:15 horas actúan As Pandereteiras de Cruceiro do Monte e ás 16:30 horas Pesdelán coa súa proposta de música familiar. Para as 17:00 horas están programadas na capela as actuacións das corais e dos grupos de teatro.

E dende as 12:00 ás 18:00 horas haberá numerosos postos de artesanía e alimentación ademais de obradoiros con actividades de lecer, exhibicións de drons e mostras deportivas de skate, taekwondo e fútbol americano.

SES pecha o Festeo

O domingo terá un peche de luxo co concerto de SES ás 20:30 horas. A cantautora chega a Teo dentro da xira do seu novo disco ´Readmirando a condición". Neste traballo, que é o seu quinto disco SES volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro disco, ‘Admirando a condición’, que publicara en 2011. Este novo CD inclúe ademais un tema inédito -e homónimo- que xa se pode escoitar nas redes.

“Readmirando a condición” está composto por doce temas, dos cales once corresponden ao seu primeiro álbum, que contiña éxitos como Tempestades de sal ou Non son fada. Desta volta, a cantora dálle un son máis SES ao seu disco de debut, convertendo aqueles temas nun son -en moitos casos- totalmente diferente, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma mesma, a diferenza do primeiro disco.

Dende a organización destácase que haberá un amplo espazo con carpas para poder facer a maioría das actividades programadas aínda que nalgún momento da xornada chova e que haberá postos onde mercar comida e bebida para poder pasar todo o día en Francos.

Preme aquí para ver a ubicación do Festeo e da Feira da Terra

Preme aquí para consultar a programación completa do Festeo e da Feira da Terra

Arquivos