O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello xa ten dispoñible a aplicación Teo avisos

| compartir:

Este 5 de novembro comeza a funcionar Teo Avisos, a nova aplicación para móbiles que permite unha comunicación directa entre a cidadanía teense e a Administración municipal. A nova aplicación permite avisar ao Concello de avarías, incidencias ou desperfectos directamente desde o lugar no que suceden, sen intermediacións. Ademais, pódense remitir fotografías
e a xeolocalización do asunto sobre o que se envíe a comunicación.
O funcionamento do novo servizo é semellante ao de WhatsApp, pero Teo Avisos conta cunha tecnoloxía interna diferente que fai posible validar a información, clasificar e xestionar os avisos, e que resultados poidan ser catalogados e avaliados por quen a use, o persoal técnico e responsables políticos.


Que pasa cos avisos?


As comunicacións quedarán rexistradas e será posible seguir a súa evolución e que resposta se dá desde o Concello. Na web somos.teo.gal estará dispoñible un mapa con todas as incidencias abertas no territorio municipal e o estado no que se atopan.
Desde o día 5 de novembro a aplicación poderá instalarse no móbil. Haberá que acceder a https://somos.teo.gal/app e descargala. Tamén podes entrar na Google Play ou na App Store e descargala buscando Somos Teo. A partir de aí aparecerá no dispositivo como unha aplicación máis. A ferramenta permitirá ademais outros servizos sen ter que consultar a web do Concello, xa que se poderán ver as seccións de novas, axenda ou lugares de interese
no teléfono móbil.


Plataforma de participación veciñal


Esta nova aplicación funciona de xeito integrado coa plataforma de participación veciñal  Somos Teo, que desde hai ano e medio é unha ferramenta para coñecer as opinións dos e das teenses en distintos temas de ámbito municipal. A aplicación aproveita a tecnoloxía para reforzar o contacto entre as persoas e o Concello e tamén será un escaparate para valorar
o traballo que se efectúa en toda a actividade municipal, que a miúdo non se observa.

app teo avisos