O Concello valora pedir a cesión da AC-841

11-04-2018
Imaxe da estrada en Cacheiras

O Concello de Teo valora solicitar á Xunta de Galicia a cesión da AC-841 no tramo no que conta con vía de alta capacidade alternativa, concretamente dende o límite con Santiago ata a zona da Ramallosa. Esta cesión tería que axustarse aos tramos urbanos, onde a estrada se pode considerar travesía.  O concelleiro de Servizos Básicos, Xurxo Francos, e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus mantiñan unha xuntanza hai días co responsable de estradas da Xunta, Felipe de la Vega por cuestións relacionadas con este viario.

A solicitude da xuntanza realizouse dende o Concello para falar de melloras de seguridade viaria en toda a estrada pero centrándose na problemática que se da na zona de Pontevea e noutros núcleos como Cacheiras con atropelos nos últimos anos. A resposta da administración autonómica, titular da vía, foi que non van variar sustancialmente a situación. Non están dispostos a colocar pasos sobrelevados nas zonas dos pasos de peóns para minimizar a velocidade dos vehículos e tampouco queren colocar novos semáforos. Dende o Concello laméntase esta resposta que non atende as demandas veciñais nin ás do propio Concello. No encontro os concelleiros teenses lembraron os problemas de seguridade en Pontevea, Cacheiras o A Ramallosa. Na reunión tamén se destacou a perigosidade da velocidade dalgúns vehículos nas vías de servizo que non contan con stop nin cedas ao incorporarse á vía principal.

Dende o goberno municipal acordouse valorar a peticiíon de cesión da estrada AC-841, que seguramente se leve xa ao pleno do mes de abril xa que se considera que dende a administración local se está máis en contacto coas demandas veciñais. A cesión pediríase do tramo que conta coa autovía, dende Santiago á zona da Ramallosa, nos tramos urbanos. Tendo unha alternativa de alta capacidade pódense realizar actuacións nesta estrada que vaian encamiñadas a que teña unha consideración de travesía e teña menos problemas de seguridade. Dende o Concello enténdese que se a Xunta realizou esta vía alternativa esto permite ter un deseño para a AC-841 que teña máis en conta o tráfico de proximidade e aos propios peóns.