O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello realiza unha rampla de acceso ao pavillón da Ramallosa e ao patio do colexio

| compartir:

O Concello de Teo realizará unha rampla de acceso ao pavillón da Ramallosa e ao patio do CEIP da Ramallosa. Estes traballos comezarán a próxima semana e teñen un prazo de execución dun mes aproximadamente. Segundo explica a concelleira de Educación, Pilar Faxil, "a comunidade educativa, dirección do centro escolar e anpa, trasladáronnos a necesidade de facer esta obra para mellorar a accesibilidade, tema co que concordamos xa que evita as barreiras arquitectónicas tamén para o uso do pavillón municipal". Este acceso é importante para o colexio xa que moitos pais e nais levan aos nenos/as por esta entrada que é só de uso peonil.

A obra realizarase con fondos propios do Concello de Teo e ten un custe de 24.000 euros. Segundo se explica na memoria valorada os traballos consistirán na construción dunha rampla de acceso e adecuación das escaleiras existentes na marxe da estrada, da AC-841, no espazo que queda ao carón do pavillón. 

O primeiro que se fará é demoler as escaleiras existentes e a rampla actual. Despois dos traballos de movementos de terra necesarios realizarase a plataforma inclinada para a rampla definitiva. Esta terá unha lonxitude de case 36 metros, 2 metros de ancho e unha pendente dun 8%. Ao tempo que se fai este acceso tamén se farán varios treitos de muretes de contención e unhas novas escaleiras de 2 metros de ancho. Tamén se colocarán varandas de protección nesta zona unha vez rematada a obra.

Cambios no acceso ao pavillón

Durante as semanas que duren os traballos o acceso lateral do pavillón quedará pechado polo que as persoas que teñan que acceder ao mesmo deben facelo a través do patio do colexio. Poderán usar o aparcamento posterior ao centro que ten un acceso directo ao patio escolar. Dende alí deberán entrar no pavillón pola porta principal do mesmo. Dende o Concello destácase que o acceso ás escolas deportivas municipais e ás actividades programadas no pavillón Ezequiel Mosquera deben facerse deste xeito.

colexio ramallosa