O Concello de Teo reúne ao Consello Local da Infancia e Adolescencia

23-02-2018
CLIA

O Concello de Teo reúne este sábado 24 de febreiro por primeira vez o Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA), un órgano de participación da infancia e mocidade teense. Esta xuntanza celébrase no salón de plenos do Concello dende as 11:00 horas e a reunión contará coa presenza do alcalde de Teo, Rafael Sisto.

Esta é unha das iniciativas que se están realizando para que o Concello forme parte do programa internacional Cidades Amigas da Infancia, liderado por Unicef. Este recoñecemento visibilizará as actuacións políticas que o Concello está a desenvolver en materia de infancia e mocidade, en especial as que teñen que ver co cumprimento dos dereitos da infancia recollidos pola Convención aprobada pola ONU no 1989. 

A aprobación do regulamento do CLIA no pleno de xaneiro permite que este Consello da infancia e adolescencia se constitúa para avaliar unha serie de propostas e demandas que parten dos menores de Teo. Nas últimas semanas xa se fixo a primeira sesión do Foro de Participación infantil e da adolescencia de Teo formado só por menores. Participaron nesta sesión 22 nenos e nenas dos centros escolares teenses que puxeron en común as demandas elaboradas nas aulas e estableceron as peticións prioritarias que se debaterán no CLIA. A rapazada pide, entre outras cousas, maior iluminación nalgunhas zonas, un carril-bici, máis beirarrúas ou controlar a velocidade nas estradas.

No CLIA os/as menores defenderás as súas propostas diante do goberno municipal, que responderá ás peticións formuladas.