O Concello de Teo consensúa con Padrón demandas en materia de transporte público

06-02-2018
Sinatura Padrón

O Concello de Teo leva semanas traballando cos concellos limítrofes, cos que comparte servizos de transporte público, para poder consensuar propostas de mellora que serán trasladadas á Dirección Xeral de Mobilidade de cara á licitacióin dos contratos do novo mapa concesional do Transporte Metropolitano de Galicia previsto para o 2019. Como xa se fixera con Vedra e A Estrada, hai poucos días asinábase o acordo con Padrón.

O alcalde accidental de Teo, Ignacio Iglesias, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, asinaron un documento no que se valora o servizo actual, no que atinxe aos dous concellos e unha proposta de mellora de servizos. Conchi García, concelleira de Mobilidade de Teo destaca "a importancia deste traballo previo antes da licitación que fará a Xunta xa que debemos indicar cales son as principais carencias dos servizos e as melloras necesarias para que o transporte sexa realmente un elemento vertebrador do noso territorio".

Neste proxecto, proponse á Xunta a creación dunha nova liña que comunique o sur do concello de Teo e o norte de Padrón co corredor de Cacheiras - AC 841- á altura da Ramallosa e a prolongación da liña que actualmente percorre o norte de Padrón ata o núcleo de Pontevea, dándolle saída a este ao núcleo do concello de Padrón e facilitando a mobilidade dos veciños de Carcacía cara o Sur de Teo.

Ámbolos dous servizos facilitarían, non só a mobilidade interna dos concellos e a transversal entre ambos, senón tamén a posibilidade de transbordar gratuitamente coa tarxeta TMG aos servizos que pasan polo corredor con dirección a Santiago, A Estrada e Vedra.