O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O alumnado do IES participa en obradoiros para a prevención do consumo de drogas

| compartir:

Alumnos e alumnas de 4º da ESO iniciaron esta semana o obradoiro ‘Non pasa nada, pasa algo?’, incluído  dentro do programa que se realiza no ámbito escolar, correspondente ao Proxecto de Prevención de Condutas Adictivas subvencionado pola Consellería de Sanidade e promovido pola agrupación de concellos de  Boqueixón, Teo, Touro e Vedra. Estes catro concellos levan varios anos constituíndose en agrupación para facer  actividades preventivas en toda a comarca. A execución das mesmas delégase no concello de Boqueixón.

As sesións están dirixidas a un total de 102 alumnos de 4º da ESO do IES de Cacheiras (Teo), e son impartidas polos técnicos de educación do concello de Boqueixón. O obxectivo principal das charlas impartidas a cada un dos distintos grupos deste curso é proporcionar información sobre as drogas –facendo especial fincapé no alcol, tabaco e cannabis- a este sector da poboación. Ademais, tamén se dan a coñecer os factores de risco e protección, ao tempo que se pretende ensinar habilidades de afrontamento de posibles situacións de risco e informar e sensibilizar ás familias ao respecto.

Os obradoiros ‘Non pasa nada, pasa algo?’ constan de catro sesións nas que se tratan, a través de diversas técnicas interactivas, contidos temáticos sobre as diferentes substancias e os riscos, uso e abuso. Entre ditos contidos atópanse a clasificación das drogas, definición de conceptos, evolución conductual uso-dependencia, habilidades de afrontamento –para non sucumbir ante a presión de grupo-, mitos e crenzas sobre as drogas, ou a información sobre elas nas redes.

Ademáis está previsto que durante os meses de abril e maio no IES de Cacheiras se realicen outros obradoiros, neste caso, as actividades estarán dirixidas a un total de 125 alumnos e alumnas de 2º da ESO.

Este proxecto pretende evitar o desenvolvemento e consolidación de consumos problemáticos de drogas, reducindo a incidencia de problemas sociosanitarios relacionados co consumo e/o abuso e promovendo a adopción de estilos de vida saudables entre os adolescentes, nos catro concellos que forman a agrupación.

 

obradoiro