O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Fomento garante a construción da rotonda no Espiño para este ano

| compartir:

O Ministerio de Fomento, a través da Demarcación de Carreteras na Coruña, vén de confirmarlle ao Concello de Teo que nos vindeiros meses se construirá a rontonda no cruce do Espiño. Esta mañá a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, mantivo un encontro co xefe da Demarcación, Ángel González, quen lle explicou que xa contan co proxecto redactado para facer a citada rotonda.

Trátase dunha vella reivindicación da veciñanza da zona e do goberno municipal de Teo xa que o cruce do Espiño, que dá acceso á zona da carballeira de Francos, ten neste momento un cruce cunha raqueta con evidentes riscos para a seguridade viaria, sobre todo para os peóns. Fomento, responsable da vía N-550 xa aceptara hai meses a necesidade de facer esta obra para minimizar a perigosidade dese cruce. Dende o Concello solicitouse unha xuntanza para que se puideran concretar prazos.

Uxía Lemus explica que "na reunión explicaron que teñen o proxecto feito cun orzamento de 240.000 euros (ive incluído) e que esperan poder licitalo en abril". Pola nosa banda "agardamos que os prazos da administración non se dilaten moito e poder ver a obra realizada para o San Martiño deste ano" destaca a concelleira de Urbanismo.

O obra prevista contempla unha rotonda e un paso de peóns ao saír da rotonda dirección Milladoiro, diante dunha marquesiña. Na xuntanza, segundo comenta Lemus tamén se falou "da mellora da iluminación, doutras medidas de seguridade viaria ou da mellora do firme nalgunhas zonas da N-550 ao seu paso por Teo xa que detectamos algunhas deficiencias".

Dende o Concello valórase moi positivamente a construción da rotonda por parte de Fomento xa que virá a solucionar problemas como o acceso de autobuses escolares á zona da carballeira de Francos, que doutro xeito non poden acceder por non ter garantida a seguridade no xiro. Esta problemática víñalle afectando a varios escolares nos últimos anos que non podían usar a parada de autobús que teñen máis preto da casa, tendo que achegarse á N-550 de noite e percorrendo bastante distancia.

rotonda do Espiño