Catastro elabora unha nova ponencia de valores que modifica o valor catastral das vivendas

20-06-2018
alcalde

O Ministerio de Facenda e Función Pública, a través da Xerencia Rexional do Catastro, entregou no Concello a Memoria e planos dunha nova ponencia de valores catastrais que modifica o valor catastral das vivendas. A anterior ponencia era do ano 1993, a máis antiga dos concellos da contorna.

As previsións da xerencia rexional son comunicar a todas as persoas propietarias o novo valor catastral á volta do verán e abrir durante 20 días unha oficina de información nalgún punto do concello, no que a xente poida ser informada e alegar se non está de acordo coa modificación ou se observa algún erro. O Concello tamén se pon a disposición da cidadanía para que os servizos técnicos poidan prestar o seu asesoramento.

O que pagamos de contribución polas propiedades vén determinado por dous factores: o valor catastral (que fixa o Catastro) e o tipo de gravame (que fixa o concello, agora un 0,55). Catastro establece os novos valores en función do tipo de solo, da valoración das zonas, da antigüidade das vivendas e doutros factores, polo que van resultar, en xeral máis altos. As persoas que se viron afectadas pola regularización catastral hai un ano non se verán agora afectadas.

Catastro distribúe en dez anos o incremento progresivo que poida resultar dos novos valores, o primeiro en 2019. O Concello reducirá tamén progresivamente o gravame (0,54 para o 2019, 0,53 para o 2020....) co obxecto de contrarrestar as subidas e que así, con carácter xeral, as persoas propietarias sigan pagando cantidades similares polo recibo da contribución. De feito, no Pleno deste mes de xuño, será debatida unha proposta da Alcaldía para rebaixar do 0,55 ao 0,54 o tipo de gravame a aplicar no ano 2019.

O alcalde destaca que "reduciremos progresivamente o gravame aplicable para que sigamos pagando pola contribución o mesmo que agora. É o noso compromiso".

A continuación algunhas das preguntas es respostas que poden xurdir sobre esta cuestión.

É xusto que se actualicen as ponencias?

Se as ponencias non se actualizan prodúcese unha discriminación impositiva. Neste momento hai persoas propietarias que pagan menos de 130 € de contribución, por un piso de similares características a outros polos que se están a pagar 250 €. Esta discriminación vén determinada porque o solo sobre o que se construíu o edificio segue aparecendo como rústico (como antes de facer o edificio).

Que pasa nos concellos da contorna?

Os concellos veciños teñen ponencias moito máis actualizadas, sendo Teo un caso singular que Catastro tiña por obxectivo corrixir canto antes. A continuación vemos a antigüidade da ponencia noutros municipios próximos.

  • Teo 25 anos (1993)
  • Boqueixón 17 anos (2001)
  • Ames 14 anos (2004)
  • Brión 12 anos (2005)
  • Rois e Padrón 11 anos (2006)
  • Oroso 10 anos (2007)
  • Santiago 9 anos (2009)
  • Vedra 8 anos (2010)

Pode o concello opoñerse á nova ponencia?

O concello xa rexeitou a primeira versión da ponencia por defectos formais. Unha vez corrixidos o concello podería rexeitala, pero Catastro xa anunciou que entón procedería a regularizar os pisos situados sobre solo rústico en 1993. Isto é, a maioría dos edificios de Cacheiras e Montouto verían regularizado de golpe o seu valor e con pago dos catro últimos anos de atrasos (como Catastro xa fixo coa regularización en rústico de hai un ano). O concello impediu que isto puidera ocorrer.

A ninguén lle vai subir a contribución?

As persoas propietarias que se van ver afectadas de forma gradual son as que nos últimos anos pagaron unha contribución excepcionalmente baixa en relación ao resto da veciñanza de Teo e dos concellos limítrofes. Nestes casos, a subida que non poida contrarrestar a baixada de tipos do concello distribuirase ao longo de dez anos. As persoas afectadas recentemente pola regularización ou aquelas persoas que fixeron autoconstrución moi recente, verán como o recibo da contribución lles baixa lixeiramente ano a ano.

evolucion recibo