O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A carreira popular Batalla de Cacheiras celébrase o 21 de abril

| compartir:

A Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras 2018, que organiza a Concellaría de Deportes de Teo, celébrase o 21 de abril, en conmemoración dos acontecementos históricos do 23 de abril de 1846. Trátase dunha proba deportiva que recupera un itinerario histórico na que se porá en valor a cultura e o territorio.

As seis categorías escolares disputaranse pola mañá no parque dos Tilos, a carón da piscina municipal. Van desde os 150 metros dos peques (nados en 2013 e posteriores) ata os 2.200 metros de infantís, cadetes e xuvenís. As saídas das distintas categorías iranse dando a partir das 10:30 horas e a entrega de trofeos será ás 12:00 horas. Para inscribirite preme aquí

Pola tarde, ás 17:30 horas comezará a proba absoluta, coas categorías sub 20, sub 23, sénior e máster. A saída será en Bamonde e a meta no mirador de Montouto. Completarán unha distancia de nove quilómetros. A entrega de trofeos da proba absoluta está prevista para as 18:45 horas. Para inscribirte preme aquí

Tamén se desenvolverá unha andaina co mesmo percorrido da carreira de adultos. Comezará ás 16:30 horas. Tanto a carreira absoluta coma a andaina contarán cun servizo de autobús para o traslado á reitoral de Bamonde, lugar da saída, e cun servizo de roupeiro na saída e na meta.

Inscricións ata o 18 de abril

As inscricións, necesarias tanto para a competición como para a andaina, poden formalizarse ata as 23:59 horas do mércores 18 de abril no formulario dispoñible premendo aquí. As carreiras escolares e a andaina para persoas nadas a partir de 2001 teñen anotación de balde. Para a carreira absoluta o prezo é de seis euros. Para as persoas nadas antes de 2001, participar na andaina custa tres euros.

A organización recomenta que todas as persoas inscritas comproben a listaxe de participantes na web na que se anotan para verificar que aparecen e así poder correr.

Todas as persoas participantes recibirán unha camiseta conmemorativa. A clasificación será conxunta para federados/as e non federados/as. Haberá trofeos para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres de cada categoría, así como para o máis novo e a máis nova, o máis veterano e a máis veterana, o primeiro equipo federado masculino e feminino na clasificación final, o centro escolar de Teo con maior participacióin e o primeiro e primeira empadroados en Teo de cada categoría.

A Carreira Batalla de Cacheiras 2018 dispútase baixo o control técnico do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo seguindo o regulamento da proba.

Percorrido histórico

O percorrido da carreira absoluta lembra o percorrido histórico polo que avanzaron as tropas de De La Concha dende Bamonde ata Montouto, onde se enfrontaron co exército sublevado de Solís. Foi no 1846. 172 anos despois o deporte recupera estes camiños cheos de historia e deste xeito pasarán polas parroquias teenses de Bamonde, Oza e Cacheiras cun trazado nalgúns momentos de importante dureza.

Tanto a carreira coma a andaina teñen o mesmo itinerario de nove quilómetros. Pola súa banda a carreira será puntuable para o VI Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e na línea de meta haberá actividades e sorpresas.

Durante a mañá, no parque dos Tilos e coincidindo coas probas dos escolares tamén haberá animación. A maiores con motivo do día do libro, que se celebra o 23 de abril, farase unha solta de libros nos Tilos entre as 11:30 e as 13:00 horas na mesma zona das probas dos máis pequenos/as.

carreira

Arquivos descargables

Attachment Size
REGULAMENTO CARREIRA PEDESTRE 2018.pdf 509.98 KB
cartelfb.jpg 123.46 KB