A auga municipal chega a zona sur do Concello

09-07-2018
auga

Despois de moitos meses de exhaustivos controis, a Consellería de Sanidade autorizou por fin a posta en marcha da ampliación da rede de abastecemento que dará servizo a amplas zonas das parroquias de Reis,Teo e Vilariño, e posibilitará unha nova ampliación ata Bamonde. As veciñas e veciños destas parroquias xa poden solicitar no departamento de Augas de Teo, na casa do concello en horario de oficina, que o servizo municipal realice as acometidas para as súas vivendas.

Os núcleos que poden dispoñer de auga da traída municipal a partir de agora son Xermeade, Olveira, Cerdeira, Fontenlo, Campos, Mallos e Agromaior. En Vilar é preciso facer un topo para dar servizo á outra marxe da estrada, e nos próximos meses realizarase a obra de ampliación ata Vilariño e Bamonde.

A posta en marcha da nova rede viuse atrasada porque nas analíticas iniciais detectouse unha presenza de aluminio superior aos límites autorizados. Diante dun posible risco, a nova rede foi bloqueada e sometida a controis periódicos que determinaron que a presenza de aluminio (debida ao recubrimento interior da tubaxe), foi diminuíndo tralo tratamento de arrastre ao que se someteu.

Os últimos seis meses de análises realizados a petición da Consellería de Sanidade constataron a desaparición do problema e determinaron que a Consellería autorizase a posta en marcha da ampliación con todas as garantías. Co obxecto de trasladar á veciñanza unha garantía permanente, o concello vai incorporar a análise de aluminio aos controis periódicos que se realizan sobre a potabilidade da rede.

Despois da situación de alarma pola seca do ano pasado, o concello marcouse coma obxectivo ampliar a rede de abastecemento municipal. Ademais da actuación comentada e a realizada no Ferreiriño, antes de final de ano está programada a ampliación da rede cara A Ribeira, A Freiría, O Piñeiro, Pazos, Samar e Valiñas xunto co abastecemento ao lugar de Coira.

A información sobre a posta en marcha desta parte da rede municipal é un dos principais contidos recollidos no Informateo de xullo-agosto que podes consultar premendo aquí