O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE DE TEO CONSTATA QUE O ÍNDICE DE DELINCUENCIA DO CONCELLO ESTÁ POR DEBAIXO DA MEDIA PROVINCIAL

| compartir:

Esta mañá reuniuse a Xunta Local de Seguridade do Concello de Teo coa presenza do Subdelegado do Goberno, Jorge Atán, e o alcalde de Teo, Rafael Sisto. Un dos aspectos que centraron a xuntanza foi a seguridade cidadá con especial atención aos roubos en vivendas unifamiliares e aos incidentes ocorridos hai un par de semanas na urbanización dos Tilos, co incendio de varios vehículos.

O subdelegado do Goberno adiantou que a investigación do tema dos incendios provocados en vehículos na urbanización dos Tilos está moi avanzada, confiando nunha pronta resolución dos mesmos. Respecto dos roubos Jorge Atán explicou que é entendible a inquedanza cidadá ao rexistrarse este ano oito roubos en vivendas, que están sendo investigados pola Garda Civil.

 

Na Xunta Local de Seguridade tamén se analizou a evolución da seguridade cidadá e na comparativa cos meses de xaneiro e febreiro do 2016 hai unha redución do 12% de infraccións penais cometidas no Concello. Aínda que o número de roubos nestes dous meses xa se sitúa en 8, tanto Subdelegación do Goberno coma Concello queren facer fincapé en que os datos de infraccións en Teo están por debaixo da media galega.

 

Na xuntanza tamén se abordou o reforzo das plantillas das forzas de seguridade, Garda Civil e Policía Local. O subdelegado explicou que o posto da Garda Civil do Milladoiro terá un reforzo de persoal con seis axentes máis. Tres incorporáronse xa e increméntase a plantilla noutros tres máis que se cubrirán nos próximos dous meses.

 

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, pola súa banda explicou que nas últimas semanas se recuperaran efectivos da policía local e que se traballa “para incrementar persoal a pesar das limitacións da taxa de reposición”. O rexedor teense destacou a importancia de manter estas xuntanzas de traballo e salienta “a tranquilidade polo avance positivo que nos trasladan da investigación dos sucesos acontecidos nos Tilos cos coches queimados”.

 

Na reunión participaron, ademais do Subdelegado e o alcalde, Jesús R. Viaño, Comandante do Posto da Garda Civil do Milladoiro; Francisco J. Jambrina, Coronel Jefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña; Alberto de la Fuente, Responsable da unidade de relacións coas Administracións Territoriais da Delegación do Goberno; José Bouzada Crespo, Inspector Xefe da sección de investigación da Unidade do CNP adscrita á Xunta de Galicia; Ignacio Orge, Xefe accidental da Policía Local de Teo; Julio Golán, Encargado do Servizo Municipal de Emerxencias de Teo e Berta Conde, Coordinadora dos Servizos Sociais Comunitarios de Teo.

teo