UNHA CUADRILLA DE OBRAS TRABALLOU DURANTE TRES MESES NA MELLORA DA ACCESIBILIDADE EN SAN SADURNIÑO

13-08-2015
teo

Esta cuadrilla, formada por tres obreiros, remata nestes días a súa contratación temporal de tres meses, que foi financiada no seu 100% pola Deputación da Coruña e que desenvolveu obras de mellora de accesibilidade e da seguridade peonil nas beirarrúas de San Saudurniño.

Estes días remata a contratación desta cuadrilla de tres obreiros que se realizou a través dun programa de financiamento para cuadrillas de obras e servizos mínimos municipais que puxo en marcha a Deputación da Coruña.

 

Este programa de financiamento permitiu ao Concello de Teo a contratación dun oficial de segunda de albanelaría e de dous peóns coa finalidade de executar o proxecto “Mellora da accesibilidade e da seguridade peonil nas beirarrúas de San Saudurniño”. A prestación deste servizo tivo duración de 3 meses e unha xornada laboral de 25 horas semanais.

 

A Deputación da Coruña subvencionou de forma directa os 11.400 euros que permitiron custear o 100% do salario dos traballadores, que para optar a este posto de traballo tiveron que superar un proceso selectivo de concurso-oposición, de entre as persoas desempregadas preseleccionadas polo Servizo Público de Emprego. Pola súa banda, o Concello de Teo sufragou os gastos derivados do material das obras así como o vestiario e medidas de seguridade precisas para o desempeño laboral dos postos.

 

A cuadrilla traballou durante estes tres meses na zona de San Sadurniño nunha obra integral que facilitou a accesibilidade para a cidadanía mediante a execución diversas de ramplas e a reparación de baldosas deterioradas nas beirarrúas, así como a colocación doutras novas. Esta obra, aínda con flocos pendentes de rematar, será concluída pola Brigada municipal de Obras nos próximos meses.

 

O concelleiro de obras Xurxo Francos agradece esta colaboración do ente provincial xa que “este tipo de programas permiten executar obras novas, posto que as cuadrillas municipais xa soportan un alto volume de traballo de xeito cotián” e destaca “a importancia de que a contratación destes obreiros coincida coa época estival, o cal permite afrontar obras ao aire libre máis complicadas e con maior rendemento ca noutras estacións nas que as complicacións metereolóxicas ralentizan os traballos”.