O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A ÚLTIMA PROBA DO CAMPIONATO DO MUNDO DE TRIAL PRESENTOUSE NO CONCELLO DE TEO

| compartir:

Ás 12 horas deste xoves tivo lugar unha rolda de prensa na que o presidente do Club Motoclista Teo, Casimiro García, dirixiu un acto que contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, e o alcalde de Teo, Rafael Sisto. A competición desenvolverase nas xornadas do sábado e do domingo en 12 seccións que van do paddock, situado na Piscina Cuberta da Ramallosa ata os montes de Lampai. 

Ás 12 do mediodía presentouse no Salón de Plenos do Concello de Teo o VIII Trial Concello de Teo, organizado polo Club Motociclista Teo, e que este ano ten o atractivo de ser unha proba puntuable para o Campionato do Mundo de Trial.

 

O presidente do Club, Casimiro Carcía, presentou a proba, que se desenvolverá este vindeiro sábado e domingo a partir das 9 da mañá, partindo da Piscina Cuberta da Ramallosa, lugar onde está colocado o paddock, e con zonas próximas a este e outras de máis complicado acceso no monte de Lampai.

 

Casimiro García anunciou que a proba se disputará en 12 seccións diferentes, cunha distancia máxima entre elas duns 18 km e ás cales os pilotos lles darán 3 pasadas. Así mesmo, confirmou a asistencia de 28 pilotas femininas na proba, na que para elas será a segunda proba do mundial feminino.

 

García tamén quixo deixar claro o papel das institucións, nomeadamente do Concello de Teo, do que “sen o seu apoio incondicional non sería posible organizar isto”, así como da Secretaría Xeral para o Deporte. Compraceuse da confianza que a Federación Internacional de Trial depositou neste club para a organización.

 

O presidente da Federación Galega de Motociclismo, Fernando Fernández, felicitou ao Club Motociclista por lograr organizar unha proba desta envergadura en apenas 45 días e louvou o percorrido no que vai ter lugar a proba cualificándoo de excelente.

 

Un dos xurados da proba e membro da Federación Internacional, José Puntí, recalcou na  premura na organización coa que se encontrou o Club, polo que tivo que dobrar esforzos para conseguir sacar adiante a proba. Subliñou que probas deportivas coma esta son, ademais dun espectáculo deportivo, fonte de riqueza e turismo para os lugares que as acollen.

 

O secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, destacou que “no momento no que hai un par de semanas lle presentaron a posibilidade de que a proba recaese en probas galegas se deu conta de que era unha oportunidade que non se podía deixar escapar”.

 

Dixo tamén que “esta non é unha proba do mundial, é un 4x1”, facendo referencia a que ademais da proba masculina puntuable para o mundial tamén se disputa unha proba do mundial feminino, ademais das categorías Cup e 125 CC.

 

Para rematar a presentación, o alcalde de Teo, Rafael Sisto, recoñeceu que “se hai dous meses nos din que hoxe estariamos presentando aquí unha proba do mundial de Trial diriamos que estamos tolos” e fixo fincapé en que esta organización “sería imposible sen a forte afección a este deporte que hai neste concello”, centralizada no Club Motociclista Teo. Por último manifestou que “simplemente o traballo que a organización levou a cabo nestes días a contrarreloxo merece que a proba sexa un éxito”.

 

Nesta presentación tamén estiveron presentes dous dos grandes protagonistas da vindeira fin de semana, o piloto galego Jorge Casales e o catalán Miquel Gelabert.

 

Nesta fin de semana, polo tanto, como rematou dicindo Casimiro García, “Teo é a capital mundial do trial”.

 

Podes obter información sobre a proba na páxina de Facebook do Club Motociclista Teo.

teo