O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Titiriberia arrinca cos mestres titiriteiros Eudal Ferré e Luca Ronga como grandes protagonistas

| compartir:

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña e o Concello de Teo, arrinca a súa segunda edición mañá xoves cos mestres titiriteiros Eudal Ferré e Luca Ronga como grandes protagonistas, xa que os dous representarán ás 18.00 horas no Auditorio Constante Liste o seu espectáculo Z. Las aventuras del Zorro. Trátase dunha montaxe na que un titiriteiro catalán e un napoloitano xúntanse para amosar ao mundo como as técnicas tradicionais do titelle catalá e do guaratelle napolitano beben dunha mesma fonte. Fano nunha versión actualizada da historia clásica do xusticieiro enmascarado, onde o protagonista, ao igual que os heroes da tradición de títeres de cachaporra europea, vence os poderosos e defendn aos febles dos seus abusos.

O programa da xornada complétase con dúas funcións escolares de Seisdedos Marionetas Tradicionais, compañía galega que repreentará ás 11.00 horas e ás 12.30 horas no Auditorio Constante Liste o espectáculo O galo quirico e os seus amigos. Con algúns números de marionetas tradicionais nos que os espectadores participan cantando e danzando, preséntase o conto O Galo Quirico seguindo a versión popular, que tamén inspirou a publicada por Bernardino Graña. A compañía recupera para esta ocasión un formato de espectáculo con marionetas e un teatriño de cartón, que contará co acompañamento en escena do acordeonista Carlos Quintá.

Mesa redonda

A última actividade da xornada terá lugar na Mediateca do Grilo ás 20.00 horas. Neste espazo desenvolverase a mesa redonda Títeres: O Patrimonio esquecido. Nos últimos anos a UNESCO recoñeceu como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade diferentes tradicións de marionetas de Chequia, Eslovaquia, Italia ou Xapón. Con este encontro queremos pór sobre a mesa a situación e as perspectivas para conseguirmos un recoñecemento efectivo do patrimonio que supoñen as diferentes tradicións titiriteiras, en pé de igualdade con outras formas de cultura popular. Felipe Garduño, responsable de Patrimonio na delegación estatal da Unión Internacional de Marionetistas participa neste encontro canda a historiadora da arte e dinamizadora cultural Sabela Pato, a especialista en xestión do patrimonio da Universidade da Coruña Elvira Lezcano, Santiago Veloso, coordinador de “Ponte… nas ondas!” e un dos promotores da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO e mais Pablo Sanmartín López, responsable do Arquivo Municipal do Concello de Teo.

PROGRAMACIÓN XOVES 9

‘O Galo quirico e os seus amigos’

Espectáculo de monicreques da compañía Seisdedos Marionetas Tradicionais

Lugar: Auditorio Constante Liste

Hora: 11.00 h /12.30 h.

Funcións escolares.

 

Z. Las aventuras del zorro

Espectáculo de monicreques dos titiriteiros Eudald Ferré e Luca Ronga

Lugar: Auditorio Constante Liste

Hora: 18.00 h.

Función público xeral. (+3 anos)

 

Títeres: O patrimonio esquecido

Mesa redonda

LUGAR: Mediateca do Grilo

HORA: 20.00 h.

Público xeral (+ 16 anos.

 

Titiriberia