O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

TEO PARTICIPA, CON SANTIAGO E AMES, NUN CONCURSO DE CARTAS DE NADAL QUE ANIMA AOS MÁIS PEQUENOS A CULTIVAR O GALEGO

| compartir:

Teo participa, xunto cos concellos de Santiago e Ames, nun concurso de cartas de Nadal no que se anima aos máis novos/as a utilizar a nosa lingua "cultivando o galego como unha semente cara o futuro". De feito o lema elixido para esta campaña, impulsada dende os departamentos de Normalización Lingüística, é "Este Nadal...Cultívao diariamente". 

A concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil participaba na presentación desta campañan que ten como obxectivo animar aos pequenos/as a escribir en galego as cartas nas que pidan os seus agasallos nas festas de Nadal. Na presentación, en Santiago, tamén participaron o concelleiro compostelán de Educación e Cidadanía, Manuel Dios e a edil de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero.

Pilar Faxil destacou que "en todo o proceso de normalización lingüística o elo máis débil son as nenas e nenos polo que con esta iniciativa intentamos que sexa natural o máis íntimo, como o é a escrita da carta aos Magos". Esta e a primeira vez que os tres concellos realizan un traballo colaborativo que chegará aos escolares dos tres concellos de ata 4º de primaria. Nestes días xa se está repartindo o material da campaña nos colexios.  En Teo vanse repartir 1500 láminas nos colexios e nas escolas infantís municipais. 

Na información que está a ser repartida, explícase que "os concellos recibiron unha chamada dende o mundo da maxia para que este ano os nenos e nenas escriban as súas cartas de maneira especial, cheas de imaxinación e creatividade e cultivando a lingua galega". As cartas en galego que leven os datos completos (nome completo, idade, dirección, número de teléfono...) recibirán unha resposta nas súas casas, que conterá unha sorpresa que fará útil o obxecto no que se transforma o folleto da convocatoria seguindo as instrucións de recortado e dobraxe que aparecen no seu dorso. Ademais, os tres mellores traballos recibirán un premio, que os gañadores poderán recoller o 5 de xaneiro, coincidindo coa Cabalgata de Reis.

As cartas pódense depositar ata o 17 de decembro nas caixas de correos instaladas nos colexios e nos locais municipais (Casa do Concello, Centro Sociocultural da Ramallosa, Mediateca do Grilo e Mediateca dos Tilos). 

Con esta campaña preténdese impulsar o uso da lingua galega na primeira infancia e incorporar ás familias neste emprego e para eso pensouse que o mundo da maxia e o Nadal podían ser unha boa guía no cultivo da lingua. 

Lembrade este Nadal...cultívao diariamente.

teo