O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

'TEO MADRUGA’ ABRE O VINDEIRO LUNS 29 O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O CURSO 2016-2017

| compartir:

O Concello abre o vindeiro luns, 29 de agosto, o prazo de inscrición no ‘Teo Madruga 2016-2017’. Neste servizo de conciliación laboral e familiar poderá participar o alumnado dos centros públicos escolares do municipio. Desenvolverase nos colexios de Calo e dos Tilos, con actividade desde as 7:30 horas ata o inicio das clases.

O programa conta con monitores e monitoras que, durante o tempo de lecer, desenvolverán actividades de videoteca e biblioteca, xogos cooperativos, xogos de mesa, e exercicios deportivos e de lecer. A intención é aproveitar este tempo antes das clases de maneira lúdica e pedagóxica.

 

Os usuarios e usuarias teñen as opcións de utilizar o ‘Teo Madruga’ de maneira fixa, discontinua ou ocasional. Quen acuda de maneira fixa, todos os días, deberá pagar unha cota mensual de 40 euros con servizo de gardaría e de 50 euros con gardaría e almorzo. O uso discontinuo, con días soltos de maneira estable, terá un custo do 25 % para cada día da cota que correspondería do prezo mensual se se utilizase todos os días. E o uso ocasional, en días puntuais, ten un prezo de 3,50 euros por día con gardaría e de 4 euros se se opta por gardaría e almorzo.

 

Exencións e bonificacións

O Concello atenderá as circunstancias de cada unidade familiar para outorgar posibles exencións ou bonificacións nas cotas do servizo. Contémplase unha exención total para casos nos que un informe do departamento municipal de Servizos Sociais indique a necesidade do servizo e a imposibilidade de afrontar o seu custo.

 

En canto ás bonificacións, para a participación de varios irmáns de maneira simultánea, establécense descontos do 15 % para o segundo irmán e sucesivos. Nas familias cunha renda per cápita igual ou inferior ao 50 % do IPREM anual, a bonificación será do 50 %. Se están nun rango igual ou inferior ao 75 % do IPREM, o desconto da cota será do 25 %. E no caso de familias numerosas, que o acrediten co correspondente título legal, a bonificación será tamén do 25 %.

 

Os usuarios e usuarias que opten por unha utilización fixa do servizo, unha vez solicitada a alta, teñen que ingresar a cota mensual no prazo de dez días. As cotas mensuais posteriores deberán pagarse nos dez primeiros días naturais de cada mes. Se se produce unha solicitude de alta despois do día 15 dun dos meses do curso, a primeira cota sería reducida á metade.

Acceda aquí ao impreso de pagamento, que se pode xustificar en liña remitíndoo a cim@teo.gal ou entregarllo ao persoal do servizo.

Para máis información, pode chamar ao 981 80 97 07.

teo