Teo debate uns orzamentos cercanos aos 16 millóns de euros cunha clara aposta polos servizos públicos

14-07-2017
pavillón municipal

A corporación teense reúnese este luns 17 de xuño en sesión extraordinaria ás 20:00 horas para debater os orzamentos municipais do 2017. O debate terá lugar en horario de tarde, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, na Ramallosa, co fin de facilitar a asistencia das persoas interesadas. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal.

 

O pleno do Concello de Teo debaterá o luns as contas municipais para este ano cunha proposta expansiva que contabiliza 15.879.061 euros no capítulo de ingresos e no de gastos. O alcalde, Rafael Sisto, responsable de economía e facenda, destaca que “a pesar de tratarse duns orzamentos de case tres millóns máis que os anteriores son tremendamente realistas por ter vinculado un plan económico financeiro”. Na liquidación do exercicio 2016 constatouse un incumprimento da estabilidade orzamentaria e da regra de gasto. Este feito esixiu que as contas municipais se realizaran observando estritamente o cumprimento destes parámetros.

 

A aprobación do PEF tamén conlevou o retraso na tramitación dos orzamentos xa que para poder facelos houbo que esperar a que estivera aprobada a liquidación do ano pasado.

 

As contas municipais deseñan unha estrutura cun capítulo de investimentos moi importante, máis de tres millóns de euros. O rexedor destaca que “no anexo de investimento apostamos claramente pola mellora de servizos básicos como son abastecemento e saneamento ou rede viaria sen descoidar os equipamentos públicos ou a mellora na eficiencia enerxética”. Ademais deste esforzo inversor “para este goberno é irrenunciable manter e mellorar no posible as políticas que se están aplicando actualmente en ámbitos como o benestar, conciliación, sostenibilidade, fomento do emprego ou no ámbito da cultura e da participación cidadá” destaca o rexedor. Trátase dun orzamento “que garanten o mantemento das conquistas sociais acadadas pero que non renuncia a novos retos”.

 

A aposta pola eficiencia enerxética, o deseño dun espazo de traballo colaborativo, a solicitude dun obradoiro de emprego ou a redacción dun novo PXOM son apostas do equipo de goberno para fomentar políticas públicas que redundarán en mellores servizos á cidadanía.

 

O capítulo de persoal é outro dos que teñen un incremento significativo xa que nel se recollen o persoal subrogado daqueles servizos que xa están municipalizados e cos que se pode garantir unha xestión máis eficiente dos mesmos. O primeiro foi o servizo municipal de Augas que é de xestión directa dende outubro do 2015 e no que xa se pode facer unha valoración positiva do funcionamento.

 

En relación co capítulo de persoal tamén cabe destacar a incorporación de novos postos que deben responder a novas necesidades que ten o Concello de Teo. Contémplase a contratación dun/ha responsable de recursos humanos co que se agarda mellorar a xestión do cadro de persoal e poder avanzar na contratación doutros postos que virá a completar procesos que son imprescindibles para Teo. O avance na administración electrónica precisa da incorporación dun/ha responsable informático e a futura oficina de recadación municipal dun/ha posto de tesoureiro/a.

 

A orde do día ten os seguintes puntos:

 

  1. Ditame da proposta da alcaldía de orzamentos muncipais 2017.
  2. Ditame da proposta da alcaldía de plan económico financeiro.