As Tanxugueiras e Ataque Escampe en concerto para arrancar a programación do San Martiño

02-11-2017
concerto

Este venres 3 de novembro arranca a programación do San Martiño 2017 cun concerto das Tanxugueiras e de Ataque Escampe e Álex Salgueiro. Estes artistas estarán acompañados do grupo de escolares Máis boas cás patacas que cantará a canción Muller. O presentador do evento, que comeza ás 22:00 horas no Auditorio Municipal Constante Liste, será Monti Castiñeiras. E atención! Este concertazo é de balde ata completar aforo.

Dende a concellaría de Cultura apostouse por un concerto con música para todos os públicos onde haxa espazo para a música máis tradicional e outros estilos máis pop. Ademais a programación do San Martiño sae tamén do espazo natural da carballeira de Francos e das xornadas próximas ao 11 de novembro ofertando actividades atractivas e de calidade noutros escenarios, coma neste caso na Ramallosa, no auditorio municipal.

As Tanxugueiras son Olaia, Sabela e Aida, un grupo de tres cantareiras procedendes de Teo e do Barbanza. Son xa por dereito propio un dos grupos revelación da música tradicional galega e despois de estar en numerosos escenarios nacionais e internacionais en Teo estamos desexando recibilas no principal escenario do Concello. 

Ataque Escampe chega a Teo co seu último disco Primeiros bicos e ademais vén con sorpresa, en formato sexteto con Álex Salgueiro nos teclados. Eles mesmos indican que no concerto en Teo terán "un repertorio un tanto diferente pero eh, sen pasarse". 

Estes grupos estarán acompañados do grupo de escolares do IES de Cacheiras "Máis boas cás patacas", mozas que veñen de gañar unha das categorías do concurso da Deputación da Coruña Quero cantar coa canción Muller.

Máis información sobre a programación do San Martiño premendo aquí