A SEGURIDADE VIARIA DAS ESTRADAS PROVINCIAIS CENTRA A XUNTANZA ENTRE O ALCALDE DE TEO E O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN

09-09-2015
teo

A seguridade viaria nas estradas provinciais foi o tema central da xuntanza entre o alcalde de Teo, Rafael Sisto (Son de Teo-Anova) e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González. Ao encontro tamén asistiu a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus (PSOE).

As vías DP 0205 Osebe-Ramallosa e DP 8202 Galanas-Cacheiras son dúas arterias que cruzan o Concello de Teo unindo a zona de Calo coa de Cacheiras, polo que soportan unha alta densidade de tráfico e artellan interiormente o municipio. Nos dous casos siguen existindo tramos moi estreitos e perigosos como as curvas de Paraxó ou das Laxes ou zonas como o entorno da igrexa de Cacheiras e Luou.

 

A Deputación da Coruña, responsable destas vías, ten proxectos de ampliación das mesmas dende o 2007. Dende o Concello de Teo demandouse na xuntanza a necesidade de establecer melloras de seguridade viaria e asumir por fin a execución dos proxectos existentes ou ver como se poden actualizar e adaptar ás necesidades actuais. Dende os dous equipos acordouse traballar nos próximos meses en determinar prioridades de tramos para ampliar o espazo viario e realizar sendas peonís.