O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

RENÓVASE O REVESTIMENTO DA PISCINA DE LUOU, QUE ABRE O VINDEIRO SÁBADO

| compartir:

O Concello ultima hoxe as obras de renovación do revestimento da piscina de Luou, previas á apertura das instalacións desde o vindeiro sábado, 18 de xuño. O alcalde de Teo, Rafa Sisto, afirma que “é unha iniciativa acometida con fondos municipais, supón un paso máis na posta ao día deste espazo e permite unha maior seguridade na súa utilización”.

A intervención consiste na colocación dunha nova superficie no vaso. O novo material sintético, especialmente deseñado para piscinas, ten a superficie lisa e continua, aínda que mantén a estética de mosaico. Evita así os problemas que comezaba a ocasionar o anterior chan tipo ‘gresite’. Ao desprenderse algunhas teselas, podía causar cortes, polo que o goberno municipal de Teo decidiu a renovación.

 

A instalación efectuouse cunha limpeza inicial da anterior superficie, á que seguiu o seu secado e a extensión da nova lámina de recubrición, soldada ao chan mediante a aplicación de calor. Por último, preparáronse os remates dos desaugadoiros e procedeuse ao soldado e selado do material das beiras en todo o perímetro. Unha vez transcorra o tempo estipulado para o secado, comezará o enchido da piscina.  

 

Apertura en Luou o sábado 18, e nos Tilos o 15

A piscina municipal de Luou comezará así a súa tempada de verán o vindeiro sábado, 18 de xuño. A dos Tilos adianta a súa apertura a este mércores, 15 de xuño. Os usuarios e usuarias poden acceder a elas obtendo un carné. As persoas abonadas á piscina climatizada da Ramallosa teñen acceso libre ás descubertas, se ben é preciso que validen previamente o seu carné na recepción.

 

Como en anos anteriores, o horario de apertura da piscina dos Tilos será de mañá e de tarde, entre as 11:00 e as 14:00 horas e entre as 16:00 e as 21:00 horas. A piscina de Luou abrirá con ese mesmo horario os sábados, os domingos e os festivos, e de luns a venres ofrecerá apertura exclusiva de tarde, entre as 16:00 e as 21:00 horas. As instalacións contará co servizo habitual de ludoteca.

 

Reservas para setembro na piscina climatizada

Por outra parte, na piscina climatizada prosegue aberto o prazo para reservar praza nos cursos de sala e de natación infantil e de adultos para o mes de setembro. Ata o 30 de xuño poden rerservar os cursillistas e os abonados en activo. E a partir do 1 de xullo poderá reservar a súa praza o público en xeral.

agoraweb