O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A PRIMEIRA EDICIÓN DO FESTEO CELÉBRASE O DOMINGO 5 DE XUÑO

| compartir:

O Concello de Teo presenta o programa da primeira edición do Festeo, unha xornada de festa, actividades e convivencia aberta á participación de todos os veciños e veciñas e tamén de persoas de fóra do municipio. A celebración terá lugar o domingo 5 de xuño na Carballeira de Francos, a partir do mediodía, e outórgalle un protagonismo especial ao tecido asociativo de Teo.

O concelleiro de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal, Ignacio Iglesias, explica que o Festeo “ten vocación de continuidade ao longo dos anos e créase para darlle resposta á vella demanda das asociacións de contar con espazos de interrelación nos que compartir as súas actividades”. Iglesias fai fincapé na importante tradición asociativa existente no concello e na súa contribución á vida cultural, social e deportiva.

 

Actividades simultáneas

O Festeo comezará a partir de mediodía con varias propostas simultáneas. Unha delas é a Festa da Terra, que organiza a asociación veciñal ‘Carballeira do San Martiño’ e que se celebra por terceira vez. Ao cadrar co Festeo, vaise ver potenciada e á súa vez fortalece a propia xornada. No mesmo horario, tamén se vai desenvolver unha Feira de Segunda Man.

 

As actividades deportivas terán o seu propio espazo no Festeo. A Asociación Recreativa Os Tilos ofrecerá unha exhibición de 12:00 a 13:00 horas, á que seguirán as de esgrima (de 13:00 a 14:00 horas), béisbol (15:30 a 16:30 horas), fútbol americano (16:30 a 17:30 horas) e agility (17:30 a 18:00 horas). De maneira continuada, entre as 12:00 e as 18:00 horas, ofreceranse probas de aeromodelismo e xadrez.

 

Outra liña da programación é o fomento da participación veciñal. Por iso, desde as 12:00 ata as 14:00 horas desenvolverase o foro das asociacións de Teo. E de maneira complementaria programouse un obradoiro sobre obrigas fiscais das entidades sen ánimo de lucro, que será dirixido por Nuria Palmero, experta na materia.

 

Ademais, o Festeo inclúe un roteiro de plantas comestibles, que se efectuará entre as 12:30 e as 14:00 horas. E para os nenos e nenas está previsto un obradoiro de cociña a cargo da Asociación Recreativa Os Tilos, de 12:15 a 14:00 horas.

 

Actuacións culturais

As entidades culturais de Teo actuarán durante toda a xornada. A primeira en subir ao escenario será A Ponte Vella (12:00 horas), e de seguido irán tomando o relevo as agrupacións de Rosalía de Castro (12:30 horas), Sociedade Recreativa de Calo (13:00 horas), as Pandereteiras dos Tilos e as Pandereteiras de Francos (16:00 horas), a Banda de Teo (16:30 horas), Aleceia e a Coral do Cruceiro do Monte (17:00 horas), e A Mámoa de Luou (17:30 horas).

 

Peche de festa con Leilía

O Festeo rematará coa actuación do grupo Leilía. Estas pioneiras na música galega, moi vinculadas a Teo, traerán o espectáculo do seu vixésimo quinto aniversario. A súa actuación está programada para as 20:45 horas. Antes, ás 20 horas, a compañía de teatro Chévere, residente no concello de Teo, ofrecerá unha actuación.

 

No tramo de tarde, o Festeo contará con actuacións musicais para os máis pequenos. Primeiro, ás 18:00 horas, coa Gramola Gominola. E despois, ás 19:00 horas, A Banda de Balbina. Trátase de dúas propostas moi animadas e pensadas especificamente para o público infantil. 

festeo