O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

PRESÉNTASE O DISCO 'ALÓ ONDE AGROMAN AS HERBAS', DE SOFÍA ESPIÑEIRA

| compartir:

A cantautora Sofía Espiñeira presentou na Casa Común dos Tilos o seu disco ‘Aló onde agroman as herbas’, como gañadora da segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’. Estivo acompañada polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; a concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil; e o director artístico do certame, Xoán Curiel.

Espiñeira, que ademais do premio do xurado obtivo o de mellor artista que concede o público, agradeceu a posibilidade que lle deu o certame de editar e publicar o disco. No seu día, o xurado fundamentou a súa decisión en que soubo “tocar un instrumento, a guitarra, e ao mesmo tempo é quen de focalizar a atención na súa voz”. A artista asegura que “cando lin esa valoración, vin que aprezaron o conxunto do cantautor, deime conta do valor que chega a ter ir aprendendo as dúas cousas á vez, a música e a voz, que para min están integradas desde sempre”.

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou a importancia do certame, que “conxuga á perfección creatividade, lingua e mocidade, tres aspectos fundamentais para a dinamización da lingua galega, ademais de apostar pola música feita no noso idioma propio e polos artistas noveis que o promoven como ferramenta de creación artística”.

 

A concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil, coincide nesta apreciación e na necesidade de que as políticas culturais lle outorguen o máximo protagonismo posible á mocidade. “Desde o Concello estamos moi satisfeitos por poder ofrecerlles aos cantautores e ás cantautoras novos a oportunidade de darse a coñecer e iniciar unha carreira artística, contribuíndo ademais a normalizar o uso do idioma nunha canle de expresión tan importante como é a música”.

 

Actuación este venres 

Sofía Espiñeira ofrecerá este venres, 17 de xuño, unha presentación do seu disco ante o público no Centro Sociocultural da Ramallosa. Será a partir das 22:00 horas. O concerto, de aproximadamente unha hora de duración, terá unha escenografía intimista co propósito de que os espectadores poidan percibir o mellor posible a forza das letras e a intensidade da música da cantautora, nada en Mugardos e residente na comarca compostelá.

 

O certame 

O Certame de Canción de Autor en Galego está convocado polo Concello de Teo, pertencente á Rede de Dinamización Lingüística, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A empresa Gadisa exerce como patrocinadora. O seu principal obxectivo é contribuír á normalización da lingua galega nun eido importante para a difusión do idioma. Tamén busca presentar unha mostra das creacións galegas de autoría propia e ofrecerlles unha oportunidade aos participantes.

 

No certame poden concorrer todas as persoas autoras e intérpretes noveis de cancións maiores de 15 anos, con temas musicais inéditos e orixinais en lingua galega compostos en calquera estilo musical que, entroutros requisitos, cumprisen o de non ter ningún disco editado profesionalmente nin contrato ningún asinado cun selo discográfico a nivel individual.

 

O premio á mellor canción de autor en galego, decidido por un xurado cualificado, consiste na gravación do proxecto discográfico, o pagamento da cota anual da Asociación Galega de Músicos ao Vivo (entidade colaboradora), e na organización e promoción dunha xira de presentación do proxecto en diferentes localidades de Galicia, que incluirá cinco concertos. O accésit á canción máis orixinal, decidido polo público asistente á segunda fase de selección no Auditorio da Ramallosa, foille concedido a Pilar Martínez.

espinheira