O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

OS ESPECTÁCULOS DE LEILÍA E O GRUPO CHÉVERE PECHAN ESTE DOMINGO O PRIMEIRO FESTEO

| compartir:

As voces e as pandeiretas do grupo Leilía, máis unha actuación teatral do Grupo Chévere, serán as encargadas de poñerlle o punto final á primeira edición de Festeo, a xornada lúdica e participativa que o Concello de Teo programou para este domingo 5 de xuño na Carballeira de Francos, con asistencia libre e de balde, tanto para os veciños e veciñas como para persoas de fóra de Teo.

As Leilía, que están moi vinculadas ao municipio, ofrecerán ás 20:45 horas o seu espectáculo ‘CONsentimento’, co que nas últimas tempadas celebran os seus vinte e cinco anos sobre os escenarios. Trátase dunha homenaxe a todas as mulleres que xeración tras xeración fixeron posible a transimisión da tradición oral de Galicia. É un espectáculo co que o público “poderá cantar, rir, chorar e ata acabar bailando”, tal como indica o grupo. Na súa actuación tampouco faltarán algunhas das súas pezas máis habituais.

 

Xusto antes, ás 20:00 horas, sumaranse á festa as xa coñecidas como ‘fillas bravas’ do Grupo Chévere, a compañía teatral residente do Concello de Teo. As personaxes da comedia homónima ofrecerán parte dese espectáculo, nunha actuación á que engadirán algúns acenos especiais para o público do Festeo.

 

Entre estas dúas actuacións, terá lugar a presentación de Tanxugueiras, un novo grupo musical vinculado á parroquia de Luou que destaca por fusionar as pandeiretas con outros instrumentos. Interpretarán tres pezas, xusto antes de que as Leilía suban ao escenario.

 

Para os máis novos  

Mais a programación da xornada non esquece as propostas para os máis novos. Por iso, no tramo de tarde do Festeo, ás 18:00 horas, actuará a Gramola Gominola, grupo de rock en galego creado especificamente para nenos e nenas, pero capaz de atraer a todas as idades. A continuación, ás 19:00 horas, os ritmos festeiros e as letras con moita retranca da Banda de Balbina, con temas como ‘O fillo do mar’ ou ‘Estomballada’, contribuirán a animar aínda máis a tarde. 

 

IV Feira da Terra, da asociación A Carballeira do San Martiño

Á vez que o Festeo, vaise celebrar a Feira da Terra, que está organizada pola asociación de veciños A Carballeira do San Martiño. Na que é xa a súa cuarta edición, congregará medio cento de postos de artesanía, produtos da horta e alimentación. Ademais, contará con demostracións en directo do traballo de varios artesáns. Desenvolverase a partir do mediodía.

 

Esta cita xa consolidada comparte espazo físico co Festeo e faise coincidir con el para resaltar a interrelación entre as actividades do tecido asociativo de Teo e a programación municipal. Tamén de 12:00 a 18:00 horas, vaise desenvolver unha Feira de Segunda Man, na que os asistentes poderán mercar e intercambiar os máis variados artigos.

 

Actividades a esgalla

A participación das entidades veciñais, culturais e deportivas do concello será unha constante na xornada. No que respecta ás actividades deportivas, a Asociación Recreativa Os Tilos ofrecerá unha exhibición de 12:00 a 13:00 horas, á que seguirán as de esgrima (de 13:00 a 14:00 horas), béisbol (15:30 a 16:30 horas), fútbol americano (16:30 a 17:30 horas) e agility (17:30 a 18:00 horas). De maneira continuada, entre as 12:00 e as 18:00 horas, ofreceranse probas de aeromodelismo e xadrez.

 

Outra liña da programación é o fomento da participación veciñal. Por iso, desde as 12:00 ata as 14:00 horas desenvolverase o foro das asociacións de Teo. E de maneira complementaria programouse un obradoiro sobre obrigas fiscais das entidades sen ánimo de lucro, que será dirixido por Nuria Palmero, experta na materia.

 

Ademais, o Festeo inclúe un roteiro de plantas comestibles, que se efectuará entre as 12:30 e as 14:00 horas. E para os nenos e nenas está previsto un obradoiro de cociña a cargo da Asociación Recreativa Os Tilos, de 12:15 a 14:00 horas.

 

As entidades culturais de Teo irán subindo ao escenario desde o mediodía ata ben entrada a tarde. Deste xeito, a primeira en actuar seráA Ponte Vella (12:00 horas), e de seguido irán tomando o relevo as agrupacións de Rosalía de Castro (12:30 horas), Sociedade Recreativa de Calo (13:00 horas), as Pandereteiras dos Tilos e as Pandereteiras de Francos (16:00 horas), a Banda de Teo (16:30 horas), Aleceia e a Coral do Cruceiro do Monte (17:00 horas), e A Mámoa de Luou (17:30 horas).


 

 

leilía