O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

OBRADOIROS FORMATIVOS NA RECTA FINAL DO PROXECTO 'VIVES EMPREGA TEO'

| compartir:

O proxecto ‘Vives Emprega Teo’, que o Concello desenvolve en colaboración coa entidade Acción Contra el Hambre, encara estes días a súa recta final, cunha programación de obradoiros externos que complementan os coñecementos recibidos polos participantes durante os últimos meses.

Dentro do obxectivo xeral de mellorar as capacidades de acceso ao mercado laboral, un dos obradoiros recentes impartiuno Alberto Rosell. Combinando técnicas formativas dun ‘coach’ cunha posta en escea propia dun ‘clown’, serviu para traballar cos participantes algunhas das habilidades imprescindibles para a busca de emprego. De maneira dinámica e lúdica, abordaron conceptos como a motivación, o establecemento de obxectivos, o traballo en equipo e a comunicación.

 

Noutra sesión, a coordinadora técnica rexional de Flexiplán, María Sánchez-Harguindey, explicou o funcionamento das empresas de selección de persoal e de traballo temporal. Detallou como acceder a elas, cal é a mellor maneira de presentarse e que se valora para manter a relación con elas ao longo do tempo.

 

No que resta do mes de xullo, prográmanse novos obradoiros externos, con encargados de recursos humanos de empresas como Gadisa, Aluminios Cortizo ou Mercadona. Outra das sesións estará a cargo de Diego Viña, responsable da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Teo.

 

Nesta fase do proxecto, cómpre destacar que unha parte dos contactos coas empresas colaboradoras foron establecidos polas propias persoas participantes. É unha maneira de poñer en práctica as habilidades persoais e sociais que aprenderon, e á vez unha oportunidade para ampliar a súa rede de contactos.

 

Nova edición a partir de setembro

Este programa, ideado para mellorar as capacidades de acceso ao mercado laboral de persoas en risco de exclusión social, comezará unha nova edición desde o vindeiro setembro ata febreiro de 2017. Para constituír o novo grupo de participantes, xa está aberto o prazo de inscrición. Poden anotarse pesoas en situación de desemprego ou que atravesen dificultades laborais, tanto do municipio de Teo como da contorna e sen límite de idade. Deben acudir ao departamento de Servizos Sociais do Concello, que tamén ofrece información detallada no 981 80 97 07.

vives emprega Teo