O PLENO VOTARÁ AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS AOS ACORDOS APROBADOS PARA A POSTA EN MARCHA DO SERVIZO MUNICIPAL DA AUGA

03-07-2015
teo

A corporación teense reúnese este luns 6 de xullo en sesión extraordinaria. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo , na marxe dereita da portada.

Os asuntos centrais deste pleno serán os relacionados coa xestión directa do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais do Concello de Teo. Nesta sesión votaranse tres propostas de resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza fiscal que regula a taxa por abastecemento e depuración, da memoria para a xestión directa do servizo e da modificación do anexo de persoal.

 

No pleno de marzo aprobáronse os tres acordos e no período de exposición pública a empresa Viaqua e traballadores da mesma firma presentaron alegacións contra estes acordos. Na proposta da alcaldía que se votará o luns deféndese o rexeitamento das alegacións, baseándose en razoamentos técnicos. No caso de quedar rexeitadas as alegacións a memoria para a xestión directa, a ordenanza e a modificación do cadro de persoal quedarían aprobadas definitivamente e pecharíase deste xeito o proceso administrativo de municipalización da auga en Teo.

 

A orde do día ten os seguintes puntos:

  •  Dar conta da constitución dos grupos políticos municipais.
  • Dar conta da composición das comisións informativas.
  • Proposta da alcaldía sobre creación da Xunta de Portavoces.
  • Proposta da alcaldía de nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados.
  • Ditame da proposta da alcaldía de resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza fiscal reguladora da taxa de abastecemento de auga, sumidoiros e depuración.
  • Ditame da proposta da alcaldía sobre resolución de reclamacións e aprobación definitiva da memoria para a xestión directa do servizo de abastecemento de auga, sumidoiros e depuración.
  • Ditame da proposta da alcaldía de resolución de reclamación e aprobación definitiva da modificación do anexo de persoal.