O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O mundo máxico de Pinocho, o musical infantil de moda, chega a Teo o 2 de xuño

| compartir:

O Auditorio Constante Liste da Ramallosa acolle o venres 2 de xuño ás 19.30 horas a representación de O mundo máxico de Pinocho, o músical de moda entre o público infantil.

A gran asistencia de público cando se programan musicais infantís obriga ao Concello de Teo a establecer un sistema de reserva e recollida de entradas para favorecer a gratuidade das familias empadroadas en Teo.

Entre as condicións para asistir ao espectáculo cabe resaltar que terán prioridade os/as nenos/as empadroados/as en Teo entre os 3 e os 10 anos e que cada neno/a recibirá, xunto coa súa entrada, outra para un/unha acompañante adulto.

Para proceder á reserva de entrada debe indicarse o nome e apelidos dos/as nenos/as que queiran asistir á función para realizar a correspondente comprobación no Padrón de Habitantes. Esta reserva poderá realizarse a través do teléfono 981 815 700, ou de maneira presencial no Departamento de Cultura, na Biblioteca do Grilo, na Biblioteca dos Tilos ou na Aula de Informática municipal. O prazo estará aberto dende o luns 29 ata o 1 de xuño, por  orde de entrada.

A recollida das entradas reservadas realizarase nos lugares indicados anteriormente unha vez comprobado o empadroamento. No caso de quedar entradas libres, abrirase un novo prazo non suxeito a estas condicións.

Xa no día da función solicítase puntualidade xa que unha vez comezada a función non se permitirá o acceso a esta.

Sinopse:

En O mundo máxico de Pinocho, o público atoparase cunha curiosa adaptación ao teatro musical do clásico de Carlo Collodi. Unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo, que xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato acompañará a Pinocho no camiño de converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no taller de Gepetto, e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro intentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Todo para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.

A participación do público, unha das características de EducaTeatro Producións, que colleitou un grande suceso cos seus anteriores musicais -Carapuchiña Vermella e Os tres porquiños-, será outra constante na nova montaxe. Á entrada ao teatro, repartirase entre todos os asistentes un marcapáxinas con forma de variña máxica para que axuden á Fada Mimadriña nos seus trucos, e ao remate da función, todo o que desexe (e de forma totalmente gratuíta) poderá sacar fotografías cos personaxes da obra.

A proposta, de 60 minutos de duración, mestura diferentes técnicas, como o teatro musical con voz e piano en directo, a maxia de grandes ilusións, as sombras chinesas e os corpóreos. Un completo espectáculo especialmente pensado para o público familiar con cativos a partir de 2 anos. 

 

 

Pinocho musical