O MERCADO DO ALIMENTO LABREGO CELEBRA A CHEGADA DO OUTONO CUNHA FESTA O SÁBADO 3 DE OUTUBRO

29-09-2015
teo

O Mercado do alimento labrego de Teo celebra este sábado 3 de outubro a chegada do outono cunha festa. Para esto dende a Asociación do mercado planificáronse algunhas actividades como música ao vivo, actividades para os/as máis pequenos/as ou postos de artesanía convidados. E esto sen esquecer o maior reclamo do mercado, os mellores produtos de tempada de hortas de Teo e da contorna.

O mercado do alimento labrego celébrase todas os sábados nos Tilos. Na festa do outono tamén haberá cantina, coma todos os primeiros sábados de mes onde se poderán degustar petiscos feitos polos propios vendedores. Para os/as cativos/as da casa haberá títeres e monicreques ás 12:30 horas.

 

O mercado céntrase na alimentación aínda que nestas festas tamén se tenta ampliar a oferta convidando postos doutro tipo como de artesanía. O mercado leva funcionando dende o 2012 e ten máis de quince postos dados de alta no Concello.

 

Nos postos podemos atopar froitas ou hortalizas de tempada, ovos, queixo, rosquillas, leite fresca. O maior atractivo deste mercado de proximidade é que lle mercas directamente ao produtor ou produtora, sen intermediarios, cunha pegada ecolóxica moi pequena xa que o transporte dende a horta ao mercado é mínimo. E por suposto con alimentos moi frescos.