O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O IV CONCURSO DE PETISCOS TAPTEO CELÉBRASE DESDE ESTE VENRES 10 ATA O DOMINGO 19

| compartir:

Doce establecementos hostaleiros participarán na cuarta edición do concurso de petiscos TapTeo, que se celebra desde este venres 10 ata o domingo 19 de xuño. O horario do servizo de tapas será de 13:00 a 15:00 horas e de 20:30 a 23:00 horas. Estableceuse un prezo de dous euros por petisco.

Os clientes teñen á súa disposición nos establecementos adheridos ao concurso un pasaporte que deberán ir selando en cada local que visiten. Para poder acceder ao sorteo de premios, ten que contar como mínimo con dez selos. Os pasaportes, cos datos persoais cubertos, teñen que depositarse entre o 10 e o 19 de xuño en calquera das urnas dispoñibles nos propios locais.

 

Só os pasaportes que reúnan os doce selos participarán no sorteo do primeiro premio, o Premio Aquafit, consistente nun abono anual para o uso das instalacións da piscina cuberta da Ramallosa, para a persoa gañadora ou para outra que designe. No sorteo do segundo premio entrarán todos os pasaportes con dez selos ou máis. Optarán a unha cea para dúas persoas nun dos establecementos do concurso, que escollerá a persoa gañadora.

 

A maiores destes premios, todas as persoas que conten cun mínimo de cinco selos no pasaporte poden pasar polas instalacións da piscina municipal climatizada da Ramallosa, antes do remate do concurso e obterán de balde unha entrada para poder utilizar as instalacións durante un día.

 

Papeletas

Unha segunda vía de participación no TapTeo 2016 é a través das papeletas de puntuación dispoñibles nos locais. Os clientes poderán valorar de 1 a 5 a tapa que degustaron, o local e o persoal que os atendeu, avaliando a profesionalidade, a rapidez, a amabilidade e a información facilitada sobre a tapa e o concurso.

 

As papeletas, con todos os datos persoais e o tícket de caixa, poden ser depositadas na urna do establecemento para participar no sorteo de catro premios. Son o I Premio Adega Ponte da Boga, consistente nun lote de produtos de Estrella Galicia valorado en 125 euros; o I Premio Gadis, consistente nunha tablet e unha cafeteira de cápsulas; o II Premio Ponte da Boga, un lote de produtos de Estrella Galicia valorado en 75 euros; e o II Premio Gadis, un libro de cociña e dúas olas.

 

Todos os premios serán sorteados o 23 de xuño na Casa do Concello. De todas as persoas asistentes, a de menor idade extraerá os pasaportes para cada un dos sorteos máis catro papeletas de votación. A relación de premios e persoas gañadoras publicarase na páxina web do Concello e no taboleiro de anuncios. O prazo para reclamar os premios rematará o 31 de xullo.

 

Os establecementos, en tres rutas

Como en anteriores edicións, os locais están distribuídos en tres rutas. Unha abrangue a zona de Calo e inclúe os establecementos A Capilla, Squash, As Brasas e Bariloche. A segunda é a das zonas dos Tilos, Montouto e Cacheiras e intégrana a Cafetería Club Os Tilos, o Rincón de Sara, Hotel Congreso, Canaletto e Casa Nerea. E a terceira ruta, de Lucí e Pontevea, fórmana A Raiola, Novo Porche e Casa Pernas.

 

Todos os petiscos

Esta é a relación de petiscos que se ofrecerán en cada establecemento, co nome e o detalle dos seus ingredientes principais:

- A Capilla: Volcán culinario (pan caseiro, ovos de curral, chourizo caseiro, pemento, queixo e patacas).

Restaurante Squash: A ilusión dun emigrante (polbo, gnoquis e hummus de aguacate).

As Brasas: Ventresca á brasa. (ventresca de atún, patacas, cebola e pemento piquiño).

Bariloche Café&Restaurante: Terra Meiga (solombo de porco celta, queixo do país, cogomelos, pan e piñóns).

Cafetería Club Los Tilos: Ensalada de aguacate e gambas (tartaleta de hoxaldre, tomate, aguacate e gambas).

O Rincón de Sara: Suspiros de Breogán (filloa de millo rechea de grelos, mexillóns e salsa de queixo San Simón da Costa).

Hotel Congreso: Niño en ovo de paspallás (pan de sementes, noces, cebola, pementos, patacas e ovo de paspallás).

Canaletto: Brick de secreto a dous mollos (secreto de porco, chicharrón, queixos Arzúa-Ulloa e parmesano, mollos, pasta brick, sésamo, brotes e redución de módena).

Casa Nerea: Piquiño recheo de atún e queixo (pemento piquiño, atún, queixo de untar, olivas, vinagreta, crema de módena e pan).

Tapería A Raiola: A Raiola (hoxaldre de raxo e mazá, cebola caramelizada e redución especial de Ribeiro).

Brasería Novo Porche: Secreto á crema de queixo de Arzúa (secreto de porco celta, queixo de Arzúa, pataca, pemento, cebola, ceboliño e sal maldon).

Casa Pernas: A Barca da Ponte Abea (endivia, codillo, queixo de cabra, pemento piquiño, tomate, cebola, allo, viño tinto e coñac).

 

No TapTeo 2016 colaboran Aquafit, Adega Ponte da Boga, GADIS e GaliciaGastro.

concurso petiscos