O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O GRUPO DE GOBERNO TEENSE INICIA UNHA ROLDA DE XUNTANZAS COA VECIÑANZA COA QUE VISITARÁ TODAS AS PARROQUIAS

| compartir:

O grupo de goberno de Teo, integrado por SondeTeo-Anova e o PSdeG-PSOE, comeza esta semana unha serie de xuntanzas coa veciñanza que os levarán a percorrer todas as parroquias teenses. Esta iniciativa pretende manterse no tempo e non circunscribilo a unha actividade puntual, establecendo deste xeito un contacto directo coa cidadanía.

A primeira reunión será este xoves no local da AAVV situado no campo da festa de Solláns ás 20:30 horas. Decidiuse comezar por esta zona pola situación de risco de apertura da pirotecnia de Solláns , despois de que a Xunta arquivara a modificación do PXOM que se estaba tramitando dende o Concello para limitar os usos en solo rústico. Diante desta problemática o executivo local entendeu que tiña interese comezar esta rolda de visitas por este lugar.

 

As próximas xuntanzas programadas serán o xoves 21 de abril no local da Torre en Cacheiras e o 19 de maio na Casa Común de Oza. As dúas reunións serán tamén ás 20:30 horas. Despois destas iranse anunciando as seguintes visitas ao resto das parroquias.

 

Nestes encontros estará o alcalde de Teo, Rafael Sisto (SondeTeo-Anova), e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus (PSdeG-PSOE). O resto dos concelleiros e concelleiras acompañarannos dependendo dos temas de interese de cada parroquia. Nestas xuntanzas, lonxe da escenografía dun mitin, preténdese un encontro cercano no que poder debater, preguntar, propoñer sobre calquera problemática ou cuestión municipal.

 

teo