O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O GRUPO CHÉVERE PRESENTA A OBRA EROSKI PARAÍSO COMO PRATO FORTE DA PROGRAMACIÓN CULTURAL DO MES DE ABRIL

| compartir:

Chévere, compañía residente no Concello de Teo, presenta no Centro Sociocultural da Ramallosa 6 funcións da súa nova obra teatral Eroski Paraíso.

O Grupo Chévere volve ao Concello de Teo, lugar onde ten a súa residencia, para presentar a súa nova obra Eroski paraíso. É esta a primeira representación de Chévere, unha vez que a compañía acadou o Premio Nacional de Teatro.

 

Eroski Paraíso, que ese é o nome do espectáculo, é un proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se derruba. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influír nas decisións de compra.

 

As datas das representacións serán as dúas vindeiras fins de semana, con representacións os venres 1 e 8, os sábados 2 e 9 e os domingos 3 e 10. O horario dos venres e sábados é ás 21.30 e os domingos ás 20.00.

 

As entradas pódense mercar de forma adiantada na Santa Sede (A Ramallosa), A Senra (Pontevea), Panadería San José (Cacheiras), bar Scq (rúa das Orfas, Compostela). Tamén se pode realizar a compra a través da web www.redenasa.tv.

 

A celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, levará a obra Riciños de Ouro de Trinketrinke Teatro á Mediateca do Grilo e a celebración do Día do Libro A maxia do Día do libro á Mediateca dos Tilos o día 23 en horario de tarde, 18 h.

 

A conmemoración dos 170 da Batalla de Cacheiras será outro dos pratos fortes, xa que o sábado 16 de abril ás 21 horas o Centro Sociocultural da Ramallosa acollerá a representación da obra Abril de lume e ferro, do Grupo de Teatro da Asociación Teatral e Cultural Abril de Lume e Ferro de Carral e o sábado 23, desde as 9.30 h realizarase unha ruta interpretativa da Batalla entre o campo da festa de Bamonde e a Pena Escorredía no Montouto. As prazas para esta ruta están limitadas a 50  e a inscrición pode facerse no Departamento de Cultura ou no teléfono 981 815 700.

 

A Sociedade Recreativa de Calo pechará a programación mensual no Centro Sociocultural da Ramallosa o día 24 a partir das 18 horas cun concerto da súa banda xunto coa Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido, a Coral de Vedra e a Coral da S.R. de Calo.

 

Actividades para escolares. Os CEIPs municipais, xuto co CRA, albergarán un concerto de Migallas Teatro co espectáculo Merenda con pan de millo e o IES de Cacheiras ademais de realizar a xa tradicional ruta interpretativa da batalla de Cacheiras o venres 22 durante a mañá, recibirá ao grupo de hip hop Dios Ke Te Crew, que impartirá un obradoiro para o  alumnado de 1º ciclo da ESO o venres 15.

teo