O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O GOBERNO DE TEO PRESENTA UN ORZAMENTO NO QUE SE PRIMA O INVESTIMENTO E O MANTEMENTO DO GASTO EN BENESTAR

| compartir:

O goberno do Concello de Teo, integrado por SondeTeo-Anova e o PSdeG-PSOE, presenta uns orzamentos para este ano 2016 que se achegan aos 14 millóns de euros. Hoxe mesmo o alcalde de Teo, Rafael Sisto, enviou o documento aos grupos políticos na oposición, PP e BNG, xa que a previsión é debater e votar estas contas no pleno ordinario de marzo, o último día de mes.

Segundo destaca o rexedor “trátase dunhas contas expansivas respecto das últimas aprobadas en Teo, xa que contemplan un incremento no orzamento de máis dun 20%”. O orzamento municipal prevé uns ingresos e uns gastos de 13.828.448 euros, cumpríndose o principio de nivelación orzamentaria. O destacado incremento no nivel de ingresos e gastos nestas contas, respecto das últimas aprobadas, responde ao importante incremento nas subvencións a través de plans provinciais, o que se traducirá nun importante esforzo en investimentos reais e á regularización dos ingresos e gastos do prezo público polo uso da piscina municipal.

 

O alcalde, responsable da área económica, destaca que “este orzamento servirá para ver novas obras de mellora de servizos e equipamentos básicos pero sobre todo apuntalan a nosa aposta decidida polo benestar, o asociacionismo, o emprego e a sostibilidade”. O goberno de Teo mantén un alto nivel de gasto en materias relacionadas con Benestar, que van dende a atención ás emerxencias sociais, á infancia coas escolas infantís, aos maiores a través de programas como a axuda a domicilio, ou a conciliación. A partida adicada a esta área supera o 1,7 millóns de euros.

 

Teo é un concello cun importantísimo número de asociacións cunha actividade que redunda na cidadanía. O traballo destes colectivos complementa a oferta municipal e traballa na formación de base con múltiples actividades formativas dirixidas en moitos casos a neno e nenas. Esto xustifica que o goberno siga priorizando a colaboración con estas entidades a través de subvencións, tanto nominativas como de concurrencia competitiva, cunha previsión de gasto que se achega aos 300.000 euros.

 

A sostibilidade e o emprego son dúas áreas nas que hai unha aposta renovada dende o goberno municipal teense. Na área de emprego recóllese unha partida superior aos 100.000 euros para o fomento de políticas de emprego e respecto da sostibilidade recóllese un investimento superior aos 50.000 euros adicado a un proxecto de aforro enerxético e Teo Sostible.

 

Respecto do Anexo de investimentos recóllese unha partida de dous millóns e medio de euros dividido en dous tipos de obras, as de maior entidade que teñen un reflexo en plans supramunicipais e outra con obras e investimentos menores que no seu conxunto achéganse ao millón de euros.

 

O estado de ingresos para facer realidade estas contas recolle aportacións doutras administración e unha política fiscal corresponsable xa que Teo tradicionalmente conta cunha fiscalidade bastante deficitaria.

teo