O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL ATLÁNTICA ATERRA EN TEO CUN CONTACONTOS INFANTIL

| compartir:

A Casa Común dos Tilos acolle un contacontos infantil con entrada de balde este sábado día 12 ás 18:00 horas dentro do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Un festival que vai xa pola cuarta edición e co que o Concello de Teo leva colaborando desde a súa segunda edición.

Neste festival participan contadores e contadoras de Galicia, Cuba, Perú, Os Azores, Colombia... Atlántica baséase nunha programación inzada de historias para todas as idades, pero tamén no debate, na reflexión e no diálogo sobre a creación literaria e a lectura. Nesta web xa podes ver moito do que será Atlántica.

 

Os narradores e serán que visitan Teo son a portuguesa Ana Sofía Paiva e o cubano Aldo Méndez. Este último dedícase dende 1991 á animación sociocultural e á promoción cultural en diferentes ámbitos. Profesor colaborador da escola de Escritores Alonso Quijano e fundador do proxecto Escuela de Oralidad, leva impartido numerosos cursos, obradoiros e seminarios relacionados coa acción cultural. Dende 1994 exerce a narración oral, actividade que ven desenrolando en diferentes rexións de: España, Francia, Cuba, Venezuela, Costa Rica, Colombia, Ecuador, Arxentina, Chile, Perú, Uruguai, Brasil e México.

 

Ana Sofía Paiva naceu en Lisboa en 1981. Formada na Escola Superior de Teatro e Cinema, graduouse en teatro e máis tarde especializouse en Promoción e Mediación da Lectura na Universidade do Algarve. Paralelamente ao seu traballo de actriz, dedícase dende 2007 á narración de contos, dentro e fóra de Portugal. É membro do Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa e da Cooperativa Memória Imaterial, onde traballa como investigadora, transcritora e recolectora de folclore poético e narrativo. Di do seu traballo: “Conto narrativas da tradición oral portuguesa con breves incursións por outras partes do mundo, versións de contos, lendas, romances e cantigas que fun escoitando a moitas voces. Conto porque escoitei e conto porque hai quen escoita. Conto de vida a vida coa voz da lingua, coa voz do canto, coa voz-silencio, coa voz abrazo”.

 

Dentro do Festival Atlántica, e xa para un público adulto, haberá outra sesión no territorio teense, no Café A Senra, en Pontevea, onde o luns 14 de marzo ás 21 horas se poderán escoitar as narracións de Ángeles Goás (Galicia) e Ana Sofía Paiva (portugal) previa entrada de 6 euros.

teo