O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O DIVERTEO CONVÓCASE PARA O MES DE AGOSTO POR PRIMEIRA VEZ

| compartir:

Por primeira vez para un mes de agosto, o Concello convoca o seu programa de conciliación laboral e familiar DiverTeo. Desenvolverase en dúas quendas, do 1 ao 12 de agosto e do 16 ao 31 de agosto, nas instalacións do CEIP da Ramallosa. Os participantes que accedan a este servizo tiveron que ter un mes sen asistir a DiverTeo durante o curso 2015/2016.

O concelleiro de Benestar, Ignacio Iglesias, explica que esta condición establécese para “harmonizar a conciliación da vida laboral e familiar co dereito ás vacacións fóra do espazo habitual dos nenos e nenas”. Non obstante, está previsto atender casos especiais que deberán xustificar a excepcionalidade no departamento de Servizos Sociais do Concello.

 

O DiverTeo de agosto abre o prazo de inscricións entre o 15 e o 29 de xuño. As prazas dispoñibles son 50, que se cubrirán por orde de inscrición e con preferencia a empadroados e empadroadas en Teo. Para que a actividade se desenvolva, será necesario que se anoten un mínimo de doce nenos e nenas. Está previsto que a listaxe de admisións se publique o 4 de xullo na páxina web do Concello e no taboleiro de anuncios. O pagamento poderá efectuarse ata o 11 de xullo, incluído, entregando o comprobante de pago no Concello ata o 14 de xullo como condición para confirmar a praza. A listaxe definitiva será publicada o 15 de xullo.

 

Tamén en setembro

O DiverTeo convocarase tamén para o mes de setembro, entre os días 1 e 9, agás na fin de semana. Neste caso, haberá 150 prazas e desenvolverase nos colexios de Calo, da Ramallosa e dos Tilos. O prazo de inscrición estará aberto do 15 de xuño ao 20 de xullo. A listaxe de admisións publicarase o 22 de xullo. O prazo de pagamento será ata o 28, incluído, e a entrega do xustificante de pagamento antes do 31 de xullo. O 5 de agosto a listaxe será definitiva.

 

Participantes, horarios e prezos

O servizo de conciliación da vida laboral e familiar DiverTeo admite nenos e nenas escolarizados con entre 3 e 12 anos de idade, outorgándolles preferencia aos empadroados e empadroadas no municipio. Existen as opcións de acceder ao servizo completo, entre as 7:30 e as 15:30 horas, ou ao servizo sen xantar, desde as 7:30 ata as 14:00 horas. Os prezos diarios son de 5 euros por atención educativa, 0,5 euros polo almorzo e 3,50 euros polo xantar.

 

Listaxes dos DiverTeo de xuño e de xullo

Por outra parte, nas últimas horas o departamento de Benestar publicou a relación definitiva dos nenos e nenas admitidos no DiverTeo do mes de xuño e a relación de admisións para as dúas quendas do mes de xullo. Neste último caso, as familias dispoñen ata este venres 10 para efectuar o pagamento e ata o 13 de xuño para entregar os comprobantes de ingreso no Concello ou remitilos por correo electrónico acim@concellodeteo.com

teo