O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO VALORARÁ A MUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO DO ALUMEADO PÚBLICO

| compartir:

A corporación teense reúnese este xoves 28 de abril en sesión ordinaria. O debate terá lugar en horario de tarde, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, na Ramallosa, co fin de facilitar a asistencia das persoas interesadas. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo, na marxe dereita da portada da mesma.

O pleno ordinario de abril estará centrado en varios temas. Un dos máis destacado será a proposta na que se acorda prorrogar o servizo de conservación e mantemento eléctrico por un ano, segundo se recollía no contrato. Segundo se recolle no acordo que se leva a pleno durante este período o goberno municipal estudará a municipalización do servizo xa que estima que a xestión directa é a mellor forma de acadar a eficacia, sustentabilidade e eficiencia na xestión dos servizos básicos. Tamén se destaca que a conservación e mantemento do alumeado público e instalacións municipais é de titularidade e competencia municipal plena.

 

Por outra banda, tanto o Goberno local como os partidos da oposición presentan na sesión plenaria unha moción en contra da instalación dunha pirotecnia en Teo, posibilidade que abre a entrada en vigor da Lei 2/2016 do solo de Galicia, pola que poden establecerse empresas dese tipo en solo rústico. A instalación dunha pirotecnia suporía un paso atrás nos esforzos do Concello, ao invalidar a nova Lei do Solo de Galicia as restricións á construción deste tipo de empresas en solo rústico que estaban en vigor co PXOM de Teo.

 

Por último, tomará posesión como Concelleiro D. José Francisco Nanín Castro.

 

A orde do día terá os seguintes puntos:

 

1. Aprobación das actas das sesións do 25.02.16 e do 15.03.16.

2. Dar conta das resolucións da alcaldía (da 230/16 á 315/16).

3. Toma de posesión como concelleiro de D. José Francisco Nanín Castro.

4. Dar conta do informe do cumprimento de prazos de pago das operacións comerciais do primeiro trimestre do ano 2016.

5. Dar conta da liquidación do exercicio 2015.

6. Ditame da proposta da alcaldía de aprobación inicial da segunda modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles.

7. Ditame proposta da alcaldía de aprobación inicial da ordenanza reguladora do prezo privado por entrada a espectáculos teatrais. 

8. Ditame da proposta da alcaldía de aprobación da participación do Concello de Teo no programa de axudas para a renovación das instalacións do alumeado municipal.

9. Ditame da proposta da alcaldía de forma de xestión do servizo de conservación e mantemento do alumeado público e instalacións municipais e prórroga transitoria do contrato por un ano.

10. Ditame da proposta da alcaldía de nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados.

11. Ditame da moción do grupo municipal de SondeTeo – Anova e PSdeG – PSOE sobre o acordo entre a UE e Turquía sobre a expulsión de persoas refuxiadas en Europa.

12. Ditame da moción conxunta de adopción de medidas para evitar a instalación de pirotecnias en solo rústico.

13. Mocións.

14. Rogos e preguntas. 

pleno Teo