O CONCELLO ÚNESE AO PROGRAMA APEGO

06-04-2016
teo

O Concello de Teo asinará o vindeiro sábado 9 de abril a súa adhesión ao programa Apego nun acto que se celebrará a partir das 12:00 horas no Centro Ágora da Coruña, no que participará o alcalde de Teo, Rafael Sisto, responsable de normalización lingüística do Concello. Tras a sinatura da addenda, explicarase o proxecto e intervirán os representantes dos concellos da Coruña, Negreira, Muros, Moaña e A Baña. O encontro finalizará cun concerto de balde e libre asistencia de “Arrolos de salitre”, con Xabier Díaz e Guille Fernández.

O Concello de Teo, por medio do Servizo de Normalización Lingüística, súmase deste xeito ao protocolo de colaboración iniciado hai un ano polos concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo. O obxectivo primordial deste programa é afianzar a utilización da lingua galega dende que os nenas e nenas nacen ata que cumpran os seis anos. Para iso, faráselles entrega aos pais e nais dunha caixiña que inclúe un libro-guía con recursos para a crianza en lingua galega, un álbum para as lembranzas do primeiro ano de vida, un medidor, un adhesivo para o coche e un “apego” ou mascota personalizada para o proxecto, así como un CD de música infantil. Ademais diso, dotarase aos pais e nais de recursos e materiais e realizarase un seguimento da inclusión dos nenos e nenas mediante xogos e actividades. Esta iniciativa comezará a desenvolverse no Concello de Teo dentro duns tres meses.

Mentres tanto, o programa está a funcionar na rede, onde poden atopar recursos na páxina www.apego.gal , ademais de en redes sociais como Facebook (facebook.com/apego.gal ), onde a plataforma é moi activa e cooperativa.