O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO REXEITA A GRAVE VULNERACIÓN DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS POR PARTE DO IDAE

| compartir:

O Concello rexeita unha grave vulneración dos dereitos constitucionais en materia lingüística por parte do Instituto para la Diversificación y el Ahorro de Energía (IDAE) e pide a dimisión do seu director xeral, Arturo Fernández Rodríguez, e do seu presidente, Alberto Nadal Belda. 

Esta entidade, dependente do Ministerio de Industria, Energía y Turismo, desestimou unha solicitude do Concello de Teo para un proxecto de alumeado público. O motivo que expuxo é que estaba escrito en lingua galega un dos múltiples documentos que compoñen a solicitude. Trátase do informe do departamento municipal de Intervención no que se confirma que o Concello reúne as condicións financeiras necesarias para participar na convocatoria do IDAE.

 

 

 

O Concello presentou alegacións á decisión dos responsables do IDAE o pasado 17 de xuño, incorporando o documento traducido ao castelán e razoando por vía administrativa que se trataría de todas maneiras dun ‘defecto’ subsanable. O goberno municipal de Teo recoñece que as bases da convocatoria establecen que a documentación ten que entregarse en castelán, como así o estaba o conxunto da solicitude, pero sinala que en ningún caso fixan que a utilización dun idioma cooficial do Estado sexa razón de desestimación definitiva, como si o sería que non se achegase algún documento.

 

 

 

Na súa resposta, datada o pasado 11 de xullo, o IDAE, porfía en desestimar a solicitude e chega a afirmar que o Concello “ignorou” as bases da convocatoria dun xeito que “no puede entenderse como un comportamiento que responda a una razonable duda del solicitante acerca del significado o alcance de lo dispuesto en la Base, sino más bien como una ‘resistencia’ a la observancia de tal previsión”.

 

 

 

Actitude escandalosa

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a concelleira de Urbanismo, Vivenda e Sustentabilidade, Uxía Lemus, calificaron de “escandalosa” a resposta dos responsables do IDEA. Sisto explicou que “se isto fose unha cuestión do que chaman ‘resistencia’, mandariamos todos os documentos en galego”, polo que acusa aos responsables do IDEA de “intentar aproveitar unha cuestión menor para crear un problema, utilizando a institución que dirixen para confrontar con outras institucións democráticas a partir dos seus prexuízos ideolóxicos”.

 

 

 

Uxía Lemus remarca que as argumentacións do IDAE son “absolutamente falsas porque toda a documentación se remitiu en castelán”, incluso acordos plenarios e outros informes municipais que, como o informe de Intervención, orixinalmente están en galego e que foron traducidos ao castelán para presentar a solicitude.

 

 

 

A concelleira manifesta que outras entidades dependentes da Administración Xeral do Estado, e o propio IDAE noutras convocatorias, si dan a opción de subsanar o ‘erro’ cando se produce. Por iso, considera que “estamos ante unha burla con pouca consideración a unha administración pública” e observa tamén “unha excusa esaxerada para retirarlle recursos ao Concello”.

 

 

 

Ata o final nas vías administrativa e política

O alcalde e a concelleira anunciaron que agotarán todas as vías administrativas para defender o proxecto. Con tal fin, a asesoría xurídica municipal está estudando as posibles medidas a tomar. Non obstante, o Concello de Teo vai despregar tamén unha batería de iniciativas políticas co propósito de que se rectifique un comportamento totalmente contrario a un dereito fundamental recollido na Constitución Española.

 

 

 

Neste sentido, o goberno de Teo vai solicitar unha entrevista co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na que tamén requerirá a presenza do secretario xeral de Política Lingüística. Vai contactar ademais cos distintos grupos políticos do Parlamento de Galicia para darlles a coñecer os feitos, así como acudir ás Cortes Xerais do Estado, recén constituídas, e á Mesa pola Normalización Lingüística. O goberno non descarta tampouco accións conxuntas con outros Concellos que probablemente teñan o mesmo problema.

 

 

 

A nivel municipal, os grupos de Son de Teo-Anova e do PsdeG-PSOE, integrantes do goberno de Teo, presentaron unha moción na que se propón rexeitar a actuación dos responsables do IDAE “por chocar frontalmente co principio constitucional de non discriminación por razón do idioma” e fixar o compromiso de empregar “todos os mecanismos legais e políticos para que o director do IDAE rectifique esta discriminación inadmisible do noso idioma”. O goberno de Teo agarda contar co respaldo unánime da corporación.

 

Un proxecto de case 3,27 millóns de euros

O proxecto desestimado foi rexistrado no IDAE a finais do pasado mes de abril. Consiste na solicitude dun préstamo sen xuros, a dez anos e con un de carencia, por importe de case 3.270.000 euros. Con el, o Concello financiaría a renovación das instalacións de alumeado público municipal. O investimento permitiría reducir en máis dun 70 % o consumo eléctrico dos sistemas e equipamentos que se prevén renovar.

 

 

 

Tecnicamente, o proxecto presentado polo Concello ante o IDAE non recibiu ningunha obxeción por parte da entidade dependente do Ministerio. Ao contrario, os seus responsables recoñeceron que é plenamente viable. O Concello destinou uns 25.000 euros á elaboración das auditorías, memorias e demais estudos técnicos precisos. E o máis importante é que “un investimento desta envergadura, que o Concello tiña a posibilidade e a disposición de acometer, non pode quedar en nada por unha cuestión meramente ideolóxica” dos cargos do IDAE, tal como sinalou o alcalde de Teo. 

rolda de prensa Teo